O Museo Gaiás abre un espazo lúdico de Nadal que convida as familias a descubrir a capacidade do xogo libre para estimular a creatividade da cativada

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, prende a iluminación da árbore dando comezo á programación

Desde hoxe pode visitarse na Cidade da Cultura a instalación ‘Yggdrasil’, un espazo no que nenos e nenas poderán gozar de xogos a partir de materiais reutilizados

O ano despídese cun espectáculo da compañía Títeres Etcétera que reinterpreta o conto clásico do parrulo feo con monicreques, proxeccións e música ao vivo
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, prendeu hoxe a iluminación da grande árbore instalada no Museo Centro Gaiás dando así comezo á programación de Nadal na Cidade da Cultura. O Hall de Tirantes transfórmase nesta época nun mundo de fantasía onde o importante é crear un espazo para fuxir das présas destas datas, convidando a unha celebración máis sostible e sosegada, volvendo ás orixes: gozar en familia e compartir tempo e xogos.

Nesta ocasión, a tradicional intervención sobre a árbore de madeira do Gaiás lembra ao gran freixo da mitoloxía nórdica, chamado Yggdrasil, que representa a árbore da vida. Un símbolo que conecta coa idea da volta da luz, tras pasar o solsticio do inverno, cando os días comezan a alongarse. Os adobíos están elaborados de xeito artesán, simulando raíces, con cachos de téxtiles que ían ser desbotados, mentres que caixas de luz iridiscente e cabanas xeométricas poboan o espazo.

Este mundo imaxinado e acolledor convida á cativada e ás persoas adultas a argallar e explorar novas formas de darlle ás á súa creatividade, acollendo ademais unhas sesións de xogo moi especiais ao longo das vacacións, en varias quendas e con acceso de balde. Os pequenos e pequenas poderán experimentar en familia con pezas de madeira, anacos de tea, paus e pedras, luz e sombra, cabanas e agochos que poden converterse en calquera cousa que se poida imaxinar.

A instalación e os xogos están ideados por Createctura, un proxecto de investigación e innovación pedagóxica a través do deseño de espazos, a integración artística e o desenvolvemento da creatividade.

A programación do Nadal no Gaiás conta, ademais, con outra serie actividades. Así, despedirá o ano cunha proposta escénica dunha das compañías máis destacadas a nivel nacional no teatro de marionetas, Títeres Etcétera. A través de monicreques, proxeccións e música en directo reinterpreta o conto clásico de Hans Christian Andersen sobre aquel parrulo diferente aos demais que resultou ser un gran cisne. Andersen, o parrulo feo mergúllanos nesta coñecida fábula e tamén na infancia do escritor danés, e achéganos a temas actuais e atemporais: o rexeitamento, o bullying, a inclusión e a aceptación dun mesmo.

As entradas para o espectáculo, que se poderá ver o 29 de decembro ás 18,30 horas no Museo Centro Gaiás, xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 5 euros.

Experiencias virtuais

Este ano regresa ao Gaiás a edición especial do Galiverso de Nadal, da que gozarán sobre todo os máis pequenos e pequenas da casa. Trátase dunha experiencia na que entrarán virtualmente no fogar do Apalpador, podendo achegarse a esta figura do Nadal galego e ver como vive. A proposta interactiva en realidade virtual substituirá de xeito temporal ao Galiverso que acolle habitualmente o Museo Centro Gaiás, ofrecendo a partir do 15 de decembro e ata o 7 de xaneiro de 2024 unha experiencia adaptada para nenas e nenos a partir de 6 anos. A entrada é de balde con reserva de praza en Ataquilla.com

Esta proposta únese á experiencia de realidade inmersiva da que se poderá gozar ata maio de 2024. Hábitats. Natureza estendida atravesa a diversidade de ecosistemas do planeta Terra nunha viaxe polos cinco continentes, combinando os mundos físico e Dixital. Está dispoñible para persoas a partir dos 9 anos.  

Visitas familiares

Na última semana de decembro e na primeira de xaneiro, a Cidade da Cultura programa tamén un ciclo de visitas comentadas especiais, de balde e dirixidas a familias. Nelas, poderemos descubrir, dun xeito lúdico e didáctico, as influencias artísticas e estéticas que están detrás do deseño dos edificios do Gaiás, e tamén procurar os segredos do complexo nunha divertida xincana. A información sobre horarios, quendas e reservas está dispoñible tamén na web.

Durante as vacacións, dende a Cidade da Cultura tamén se animan ás familias a participar no concurso infantil de postais, que continuando coa idea da sostibilidade, este ano propón utilizar materiais de refugallo para a súa elaboración como envoltorios de todo tipo, retallos de teas, cachos de papeis ou lascas de afiar os lápis.

A programación completa pode consultarse na web www.cidadedacultura.gal

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023