A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou unha formación senlleira no Pazo de Barrantes, en Ribadumia

A Xunta destina 90.000 € ás axudas para actuacións de conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia

Ángeles Vázquez subliña que este financiamento pode cubrir ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 € por árbore e de ata 8.000 € se é unha formación

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 192 elementos —151 exemplares e 41 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes

Ribadumia (Pontevedra), 16 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta destinará 90.000 euros ás axudas para actuacións de mellora, conservación e divulgación das árbores e formacións senlleiras de Galicia.

Durante unha visita á formación senlleira localizada no Pazo de Barrantes, en Ribadumia, a vicepresidenta segunda explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro día 26 de decembro as dúas ordes polas que se convocan estas axudas. Nesa liña, lembrou que unha está dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos, dotada con 30.000 euros; e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, cun orzamento de 60.000 euros, 20.000 euros máis que anterior convocatoria.

Logo de salientar que estas axudas poden chegar a cubrir ata o 100% do custo da actuación, cun límite de 4.500 euros por árbore e de ata 8.000 euros cando se trate dunha formación, Ángeles Vázquez incidiu en que estas axudas teñen o obxectivo de contribuír a protexer uns elementos emblemáticos do patrimonio natural e cultural de Galicia a través de axudas económicas dirixidas aos seus titulares.

Así, entre as intervencións subvencionables cómpre subliñar a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos.

Cómpre lembrar que desde 2020, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou un importe total de 395.000 € en axudas destinadas á conservación dos exemplares incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras

Nesa liña, a Carreira de Eucaliptos do Pazo de Barrantes que visitou hoxe a vicepresidenta segunda recibiu unha axuda de máis de 4.000 euros na convocatoria de 2023. Trátase dunha formación que consiste nunha dobre aliñación ou avenida no paseo de acceso ao pazo. Está formada por un centenar de exemplares, que alcanzan alturas próximas aos 50 metros, non comezan a ramificarse ata superar os 4 metros e as súas copas, que se entrelazan, son de grandes dimensións. Esta formación foi incluída en 2007 no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Unha ferramenta en constante actualización

Tal e como lembrou a vicepresidenta segunda, o catálogo galego de árbores senlleiras é “unha ferramenta aberta e en constante actualización”, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso das sobreiras que veñen de incorporarse.

Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 192 elementos —151 exemplares e 41 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

 
PROVINCIA
ÁRBORES
FORMACIÓNS
TOTAL
A Coruña
43
14
57
Lugo
35
6
41
Ourense
20
6
26
Pontevedra
53
15
68
Total
151
41
192
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2023