Ethel Vázquez destaca que a enxeñería ten o deber colectivo de buscar as mellores solucións para o progreso de Galicia e o benestar dos cidadáns

Subliña o papel da enxeñería no crecemento económico dos países, ao proporcionar comunicacións que facilitan a mobilidade dos cidadáns e das mercadorías, servizos de transporte fiables e accesibles ou abastecemento de auga en cantidade e calidade

Fai fincapé noutras materia ás que contribúe a enxeñería, como a sanidade pública, citando como exemplo o Novo CHUAC, que a Xunta impulsa na Coruña cun investimento de 500M€

 A Coruña, 15 de decembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a enxeñería ten o deber colectivo de buscar as mellores solucións para o progreso de Galicia e o benestar dos cidadáns.  

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou no acto de entrega de diplomas ás promocións da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña. 

Puxo en valor esta Escola Superior Técnica, unha referencia internacional en materias tan diferentes como a construción de centrais nucleares, o cálculo de estruturas, a predición das inundacións ou a enxeñería médica. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta resaltou o papel da enxeñería no crecemento económico dos países, ao proporcionar comunicacións que facilitan a mobilidade dos cidadáns e das mercadorías, servizos de transporte fiables e accesibles, abastecemento de auga en cantidade e calidade, ou o tratamento das augas residuais. 

Remarcou que a enxeñería está a facer fronte a todos estes desafíos, nunha sociedade cada vez máis complexa e nun contexto climático delicado. Neste sentido, apelou á innovación para afrontar, por exemplo, a revisión máis exhaustiva das estradas, pontes, viadutos e noiros.  

Tamén salientou a importancia de deseñar alternativas para un transporte áxil e eficaz que responda ás necesidades de mobilidade dos cidadáns e fomentar espazos para realizar desprazamentos máis limpos, saudables e sostibles.

Fixo fincapé noutras materia ás que está a contribuír a enxeñería, como a sanidade pública, referíndose concretamente ao Novo CHUAC, que a Xunta impulsa na Coruña, cun investimento de 500 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023