A Xunta salienta a contribución da investigación xacobea na proxección internacional do Camiño de Santiago nos últimos 30 anos

O director de Turismo de Galicia presenta as actas do XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, a publicación máis importante sobre o Camiño de Santiago dos últimos anos polo nivel de investigación e novas achegas
 

Edítase no marco dos actos conmemorativos do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe as actas do XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, a publicación máis importante sobre o Camiño de Santiago dos últimos anos polo nivel de investigación e novas achegas. Trátase dun libro que, como explicou, recolle as conclusións de todos os relatorios deste congreso organizado polo Comité Internacional de Expertos e A Xunta de Galicia durante o Xacobeo 21-22 e que agora se presenta no marco da programación do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade. 

O director de Turismo de Galicia puxo en valor a “o altísimo nivel” dos estudos que se compilan nesta nova obra por parte de investigadores “das máis prestixiosas universidades, institucións e centros de estudo internacionais”. Son o bo exemplo, engadiu “da enorme contribución que nos últimos 30 anos tivo a investigación no eido da cultura xacobea para reforzar cada vez máis a proxección do Camiño de Santiago”. 

O libro de actas recolle distintos estudos entre os que se atopan comparativas de relatos das peregrinacións medieval e modernal, así como outras pezas como unha orixinal análise da fase final da construcción da Catedral de Santiago que emprega métodos como escaner 3D, así como novos estudos sobre a figura do Mestre Mateo, o Códice Calixtino ou as peregrinacións de Xapón ou América Latina.  

Legado histórico

“Unha publicación que se converterá, de seguro, nun instrumento eficaz e didáctico para estudos e peregrinos, pero tamén para facer visible o enorme legado histórico e espiritual que é capaz de xerar o Camiño de Santiago”, engadiu Xosé Merelles.  

A presentación desta nova publicación enmárcase nos distintos actos conmemorativos que a Xunta de Galicia está a organizar durante esta semana con motivo do 30 aniversario da declaración como Patrimonio da Humanidade do Camiño Francés e que están chegando ao seu fin. Mañá sábado celebrarase o acto central e xornadas académicas para afondar no Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas como o urbanismo, a sustentabilidade, o patrimonio, as políticas públicas, a arte ou a historia.

Data de actualización: 15/12/2023