A Xunta pon en valor os 12,5 M€ investidos en 24 obradoiros de emprego da provincia de Ourense dos que se beneficiarán preto de medio milleiro de persoas

O delegado territorial da Xunta mantivo un encontro cos responsables destes obradoiros principalmente duais, nos que persoas desempregadas se forman e son remuneradas por traballos de interese público

Entre as tarefas que desenvolven, atópanse a albanelaría e a carpintaría -centradas en arranxos e rehabilitación de elementos dos concellos beneficiarios- así como o mantemento de montes e xardíns

Dúas das iniciativas son obradoiros de garantía xuvenil, orientados a menores de ata 30 anos para a atención sociosanitaria a persoas dependentes, a realización de tratamentos silvícolas ou a limpeza de camiños

Os orzamentos de 2024 destinarán máis de 73 millóns de euros a seguir apostando en Galicia polos obradoiros, os programas integrados de emprego e a orientación laboral

Ourense, 15 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá un encontro con directores e administrativos dos novos obradoiros de emprego que se desenvolverán na provincia. En concreto, serán 24 iniciativas -22 duais e dúas de garantía xuvenil- das que se prevén beneficiar 472 persoas e que supoñen un investimento por parte do Goberno galego de 12,5 millóns de euros.

Na xuntanza quedou patente a aposta da Xunta por formar e mellorar as oportunidades laborais das galegas e galegos, neste caso con obradoiros de emprego dos que se beneficiarán o conxunto de comarcas ourensás, algunha delas mesmo con máis dunha iniciativa.

Predominan os obradoiros duais, que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a formación e a realización remunerada de obras ou servizos de interese xeral e social nos concellos beneficiarios. Neste caso, os 22 concedidos en Ourense teñen que ver coa carpintaría, a albanalería ou o mantemento de montes e xardíns e prevese que neles participen 440 persoas.

Canto aos obradoiros de garantía xuvenil, serán dous, cun total de 32 persoas menores de 30 anos participantes, para centrarse na atención sociosanitaria a persoas dependentes en distintas institucións, a realización de tratamentos silvícolas ou a limpeza de camiños.

Gabriel Alén puxo de relevo que os campos e labores concretos elixidos para os obradoiros de emprego da provincia de Ourense non só redundarán no beneficio dos municipios implicados senón -especialmente- no das persoas participantes, xa que recibirán unha formación e comezarán a traballar en eidos de alta demanda, o que lles facilitará a súa entrada efectiva no mercado laboral.

Cómpre engadir que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 2024 destinarán máis de 73 millóns de euros a seguir apostando polos obradoiros, os programas integrados de emprego e a orientación laboral para seguir xerando emprego e riqueza en Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2023