A Xunta e o Concello de Pontevedra acordan manter en 2024 as bonificacións no transporte urbano, no que a demanda medrou un 30% con respecto ao ano pasado

Prorrógase un ano máis o convenio que supón a rebaixa de 50 céntimos nas viaxes urbanas e a bonificación dos transbordos no municipio

Os usuarios seguirán beneficiándose dos descontos do convenio, adicionais aos que se aplican polo pagamento coas tarxetas de Mobilidade de Galicia

As medidas de fomento do uso do transporte público da Xunta impulsaron un crecemento da demanda nas viaxes urbanas en Pontevedra nun 30% con respecto ao ano pasado, superando os 74.000 usuarios no mes de novembro

Os traballos de campo sobre o transporte público realizados este outono arroxan unha valoración xeral de 89 puntos sobre 100 na calidade dos servizos do transporte urbano de Pontevedra, que vén prestando a Xunta
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A Xunta e o Concello de Pontevedra acordaron manter o vindeiro ano 2024 as bonificacións no transporte urbano, servizo que se presta a través das concesións de transporte público autonómico e no que a demanda medrou un 30% con respecto ao pasado ano.

O Goberno galego e o Concello de Pontevedra asinaron este xoves a prórroga do convenio de colaboración polo que se activaron descontos nas viaxes de autobús realizadas dentro do municipio. O acordo, que estaba prorrogado ata o vindeiro 31 de decembro, estenderá a súa duración un ano máis, ata o 31 de decembro de 2024.

Así, o próximo ano manterase o desconto de 0,50 € no prezo dos billetes das viaxes con orixe e destino no termo municipal de Pontevedra, así como a bonificación dos transbordos.

Ademais destas melloras nas tarifas activadas mediante o convenio de colaboración co Concello, os usuarios benefícianse dos descontos e bonificacións que se aplican con carácter xeral no transporte público interurbano co pago das Tarxetas de Mobilidade de Galicia. Entre elas: a rebaixa directa do 10% no prezo dos billetes que se paga con esta tarxeta; o desconto adicional do 50% que a Xunta vén aplicando desde setembro de 2022; a gratuidade para os menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova; ou a gratuidade para os maiores de 65 anos que se activará o vindeiro 1 de xaneiro.

O conxunto das medidas de fomento do uso do transporte público da Xunta impulsou un crecemento da demanda nas viaxes urbanas de Pontevedra dun 30% con respecto ao ano pasado, superando os 74.000 viaxeiros en novembro, fronte aos 58.000 do mesmo mes de 2022.

No acumulado de 2023, ata novembro, realizaron viaxes urbanas en Pontevedra case 650.000 usuarios, dos cales case o 80% se beneficiaron dos descontos nas tarifas polo pagamento coas Tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova.

Os traballos de campo sobre o transporte público realizados este outono arroxaron unha valoración xeral de 89 puntos sobre 100 na calidade dos servizos do transporte urbano de Pontevedra, que vén prestando a Xunta.

Data de actualización: 14/12/2023