A Xunta destaca a excelencia da marca Galicia Calidade e os incrementos en facturación e emprego das empresas adheridas

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, acompañada dos conselleiros do Medio Rural, José González, e de Mar, Alfonso Villares, presentou o Balance de Galicia Calidade 2023

Apunta que Galicia Calidade multiplicou por 5 o número de entidades certificadas e por 6 os produtos e servizos que poden usar a marca de garantía nos últimos 12 anos

Destaca que as entidades con este selo contan con 3.000 empregos máis que antes da pandemia e o 92 % prevé incrementar a súa facturación en 2024

Sinala que a actividade exportadora creceu un 71,9 % en comparación co ano 2020, fronte ao incremento do 32,2 % dos ingresos das empresas exportadoras

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A consellería de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a “excelencia” dos produtos e servizos certificados co selo Galicia Calidade, que se multiplicaron por seis nos últimos doce anos, ata acadar os 855, mentres que se quintuplicou o número de entidades adheridas, que son actualmente 168.

Acompañada polos conselleiros do Medio Rural, José González, e de Mar, Alfonso Villares, así como da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, Lorenzana presentou esta tarde os datos do informe Análise económica Galicia Calidade, 2023. Xeración de valor comprometido.

Segundo puxo de manifesto, dese traballo se desprende que as empresas que levan esta marca conseguiron superar os efectos da crise provocada polo Covid-19 en tan só dous anos e mellorar os resultados de antes da pandemia, tanto en ingresos como na xeración de emprego. Alcanzaron o pasado ano unha facturación de 5.360 M€, o que representa un crecemento dun 27,3 % con respecto aos ingresos obtidos en 2019 e un 21 % máis que en 2020. Ademais, a cifra de negocios equivale ao 8,2 do PIB de Galicia fronte ao 6,6 % que representaban no ano antes da pandemia.

O informe, elaborado por Galicia Calidade e que analiza a evolución das empresas certificadas, conclúe que a facturación global tivo un comportamento positivo tanto en 2020 respecto a 2019, cun crecemento do 5,2 %, como nos anos 2021 e 2022. Os ingresos conxuntos do pasado exercicio representan un 21 % máis que en 2020 e un 27,3 % sobre o ano 2019. Ademais, a cifra de negocios equivale ao 8,2 do PIB de Galicia fronte ao 6,6 % que representaban no ano antes da pandemia.

As entidades certificadas co selo de calidade xeraron 11.410 empregos directos no ano 2022, o que supón 3.000 máis que os traballadores que tiñan en 2019 (un 36,1 % máis) e 2.138 máis que no ano da pandemia (23,1 %). A análise sinala que as empresas teñen un cadro de persoal medio de 70 persoas, cuns ingresos de 33,3 M€.

Mercado exterior

Lorenzana tamén destacou que máis do 77,8 % das sociedades certificadas comercializan os seus produtos ou servizos no mercado exterior, en máis de 65 países, o que lles supón uns ingresos medios do 15 % da facturación. A actividade de exportación creceu un 71,9 % en comparación co ano 2020, fronte ao incremento do 32,2 % dos ingresos das empresas exportadoras.

O estudo constata a consolidación de Galicia Calidade como marca de garantía da economía galega, que conseguiu ampliar o ámbito de certificación a sectores como a hostalería, os viveiros, as instalacións náuticas, a xeotermia e outras actividades industriais. Nos últimos anos tamén creceu a fidelidade das empresas á marca Galicia Calidade. A maioría delas teñen unha antigüidade superior aos cinco anos e 25 % ten máis de 15 anos de fidelidade. Destacan os casos de compañías como Coren, Estrella Galicia e Rianxeira, que utilizan o selo desde 1997, ano na que se produciron as primeiras certificacións

A conselleira de Economía, Industria e Innovación concluíu resaltando que, segundo o estudio, as empresas manteñen a confianza no desenvolvemento da economía galega, xa que o 80 % prevé pechar o 2023 con crecementos positivos e a 92,5 % espera incrementar a cifra de negocios no próximo ano. Segundo dixo, a isto contribúe a estabilidade política en Galicia e o feito de que a Xunta conte cun proxecto económico de apoio ao sector empresarial, con actuacións como a posta en marcha da futura Oficina Económica de Galicia ou diversas iniciativas de internacionalización que abranguen, tamén, a marca Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023