Toda Galicia iniciará a partir de mañá o período libre do vector transmisor da lingua azul

A principal consecuencia é que dende mañá, 15 de decembro, non haberá restricións ao movemento de animais das especies sensibles por esta enfermidade do gando, ata que volva comezar a época do vector

En todo caso, resulta fundamental continuar coa campaña de vacinación fronte a doenza, co obxecto de protexer os animais fronte a enfermidade e evitar restricións ao movemento cando volva a existir vector

A Consellería do Medio Rural puxo en marcha en marzo pasado unha campaña masiva de vacinación que terá continuidade no 2024 e que supuxo ata o de agora un investimento total de 2,4 millóns de euros, coa vacinación de 368.000 animais
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A partir de mañá, día 15 de decembro, toda Galicia será considerada zona estacionalmente libre do vector transmisor da lingua azul no gando. Así o comunicou formalmente a Xunta, ao incluírse nesta área as provincias da Coruña e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias da Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental, as tres localizadas na provincia de Lugo. Neste sentido, cómpre sinalar que dende o 1 de decembro xa tiñan esta consideración de zona libre do vector a provincia de Ourense e as comarcas veterinarias de Terra Cha-Vilalba, Terra Cha-Guitiriz, Terra Cha-Castro, Meira, A Fonsagrada, Lugo, A Ulloa, Sarria, os Ancares, Chantada e Terra de Lemos-Quiroga, todas elas na provincia de Lugo.

A consecuencia principal desta medida é que non se aplican estacionalmente as limitacións ao movemento das especies sensibles que se manteñen o resto do ano. Así, permítese o movemento de bovinos e ovinos sen vacinar e sen ter como orixe unha explotación vacinada, sendo o único requisito para o movemento de animais de especies sensibles que non presenten signos da enfermidade.

Fundamental seguir vacinando

En calquera caso, independentemente desta non esixencia de vacinación previa ao movemento mentres continúe o período libre de vector, considérase fundamental continuar coa vacinación de bovinos e ovinos neste período sen transmisión da enfermidade.

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se transmite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (axentes biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans.

No ámbito nacional execútase un programa de vixilancia da enfermidade, fundamentado na vixilancia entomolóxica mediante trampeo continuado das especies de mosquitos transmisores, en controis serolóxicos e virolóxicos en explotacións sentinelas distribuídas xeograficamente polo territorio, e na investigación oficial en caso de comunicación de sospeita da enfermidade.

O trampeo durante todo o ano, aporta información tanto da presenza como da cantidade e distribución do insecto vector no territorio nacional. Con esta información o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) declara como zonas estacionalmente libres do vector aqueles territorios nos que se demostra que nunha determinada época do ano non existe a súa presenza.

Segundo a información obtida dos trampeos, o MAPA comunicou recentemente o inicio da zona estacionalmente libre do vector en diferentes zonas de España, entre as que se atopa Galicia. Esta información é trasladada á Comisión Europea.

Vacinación masiva

A Consellería do Medio Rural iniciou a vacinación da lingua azul o pasado 7 de marzo, cunha campaña masiva na que se investiron 2,4 millóns de euros e na que participou persoal propio, contratado, veterinarios de Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira e clínico privado. En total, ata a o día de hoxe vacináronse 368.000 animais. Así, actuouse en case 9.400 explotacións bovinas, con 296.000 animais vacinados, e en máis de 6.000 ovinas, con 72.000 animais vacinados.

A Xunta continuará en 2024 con esta campaña de vacinación -dotada inicialmente con outros 2 millóns de euros- abranguendo todo o territorio de Galicia, trala inclusión o 13 de novembro de toda a comunidade como zona restrinxida do serotipo 4 da lingua azul, e polo tanto de vacinación obrigatoria. O desenvolvemento desta campaña é fundamental, para ter protexidos os animais no momento en que finalice o período libre de vector, previsiblemente a finais de abril, e porque a partir dese momento volverán existir restricións ao movemento dos animais sen vacinar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023