A Xunta destina preto de 50.000 euros á mellora da contorna do Centro Social de Calvos, en Bande

O investimento enmárcase no convenio de colaboración asinado entre o Executivo galego e o Concello para acondicionar esta zona de lecer da veciñanza

 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A Xunta inviste preto de 50.000 euros nas obras de mellora da contorna do centro social de Calvos, no concello ourensán de Bande. A actuación consiste fundamentalmente na pavimentación dos espazos adxacentes ao centro social, mellorando ademais as condicións de ornato, salubridade, seguridade de utilización e funcionalidade do lugar.    

Este investimento enmárcase no convenio de colaboración asinado recentemente pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, co que se financian o 100% das intervencións.

A finalidade dos traballos é acondicionar esta zona de lecer dotando as súas instalacións das condicións de uso necesarias e adecuadas para que os veciños poidan realizar distintas actividades de ocio, contribuíndo así á cohesión social da localidade.

Desta forma dótase á parroquia de Santiago de Calvos -que agrupa as aldeas de Vilameá, Ribas, Aldea de Arriba e A Igrexa- dun espazo mellor acondicionado para o desenvolvemento sociocultural e de promoción da vida asociativa que canalice a participación cidadá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023