A Xunta destina 1,4 M€ a apoiar unha vintena de entidades nas súas actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos no mercado interior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se resolven as solicitudes de subvención correspondentes ao cuarto trimestre de 2023

Estes fondos permitirán financiar as campañas de promoción que se desenvolvan no Nadal, época de elevado consumo de produtos alimentarios de calidade

Os beneficiarios son consellos reguladores e asociacións de produtores, aos que se lles financian accións de promoción como campañas ou a asistencia a feiras, entre outras

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se resolven as solicitudes de subvención ao abeiro das axudas da Consellería do Medio Rural para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior, correspondentes ao cuarto trimestre de 2023. Deste modo, compleméntase a primeira convocatoria do presente exercicio, que cubriu as accións promocionais realizadas durante os tres primeiros trimestres do presente ano.

En total, os beneficiarios destas subvencións, que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, son unha vintena, cunha axuda total de preto de 1,4 millóns de euros. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Esta resolución permitirá financiar as campañas de promoción que se desenvolvan no Nadal, época de elevado consumo de produtos alimentarios de calidade, e dará continuidade ás accións promocionais iniciadas neste ano, cubrindo así o período do cuarto trimestre do ano 2023 e o primeiro mes do ano 2024.

Con estas axudas os consellos reguladores e asociacións de produtores poden afrontar as campañas de promoción, que inclúen a publicidade en todo tipo de medios; os obxectos promocionais; as degustacións; as misións comerciais; a asistencia a feiras galegas, nacionais e internacionais ou a organización de xornadas formativas de promoción, entre outras accións.

Data de actualización: 14/12/2023