A Xunta destina 50.000 € á renovación integral dos vestiarios do pavillón de Pontecesures

O investimento fai parte da liña de axudas que está a financiar melloras en infraestruturas e compra de material deportivo en preto de 40 concellos da provincia

No Salnés e Ullán as achegas superan os 230.000 euros

Reguera destacou a importancia destas axudas para que a provincia de Pontevedra siga sendo un referente en fomento do deporte base

Pontecesures, 14 de decembro de 2023

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Pontecesures, onde a Xunta está a financiar unha obra de renovación dos vestiarios do seu pavillón de deportes.

Esta axuda responde á segunda convocatoria da nova orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.

Ao abeiro desta orde, preto de 200 concellos recibiron máis de 300 axudas, polo que o 66 % dos municipios galegos víronse beneficiados. Deste xeito foron repartidas preto de 170 axudas para infraestruturas e 130 para equipamento entre os concellos de Galicia, cun investimento total de preto de 8 millóns de euros (preto de 6 millóns na primeira convocatoria e máis de 2 millóns na segunda). No caso da provincia pontevedresa, foron repartidas máis de 50 axudas entre preto de 40 concellos.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o “gran impacto que están a ter estas axudas en moitos concellos galegos” e o “firme compromiso da Xunta co deporte en xeral e co deporte base en particular”.

Cabe destacar que estas axudas autonómicas cobren o 80 % do importe das obras subvencionadas ata un máximo de 50.000 euros e que o importe será abonado en dúas partes, a primeira durante este 2023 e a segunda durante o próximo ano. O total destinado aos concellos do Salnés e Ullán supera os 230.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023