A Xunta avoga por un maior papel do Comité das Rexións no proceso lexislativo europeo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, respondeu unha cuestión sobre o órgano consultivo no Parlamento de Galicia

O Goberno galego é partidario de que as rexións europeas sexan tidas en conta no proceso comunitario de toma de decisións e apoia a petición dunha revisión dos tratados a fin de obter un rol lexislativo nas políticas de carácter territorial

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, avogou no Parlamento por un maior papel do Comité das Rexións (CdR) no proceso lexislativo europeo. Segundo sinalou, o Goberno galego é partidario de que as rexións europeas sexan tidas en conta no proceso comunitario de toma de decisións e apoia a petición dunha revisión de tratados a fin de obter un rol lexislativo nas políticas de carácter territorial. 

Gamallo subliñou a importancia do CdR como foro por excelencia que lles dá voz ás rexións en Europa e remarcou que Galicia aproveita todas as oportunidades que este órgano presenta. Así, a galega é unha das rexións máis activas na participación nos traballos, coa elaboración de ditames ou a presentación de achegas aos debates desde a perspectiva e a experiencia galega: Así mesmo,  exerce a representación do propio Comité en diversos foros, como aconteceu este mesmo ano no foro UE-LAC (países de América Latina e Caribe), no encontro anual de Comunidades Autónomas e Cooperación e no 8º Foro das Rexións e Cidades para os Partenariados Internacionais.

No actual período lexislativo 2020-2025, Galicia forma parte das comisións de Recursos Naturais (NAT) e de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e de Exteriores (CIVEX). Tamén participa nos grupos interrexionais de Automoción e Cooperación Transfronteiriza e noutras plataformas de traballo do CdR, como son o Grupo de contacto co Reino Unido, a Alianza de Cidades e Rexións para a reconstrución da Ucraína e a Asamblea Euromediterránea (ARLEM). Destaca tamén a activa participación de Galicia na Semana Europea de Rexións e Cidades (EWRC), o evento anual sobre política de cohesión.

A maiores, en 2023 Galicia liderou o ditame A política pesqueira común sobre o terreo: cara a comunidades costeiras sustentables e resilientes na Unión Europea, que se aprobou na última sesión plenaria do Comité, o 29 de novembro.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é o órgano consultivo da Unión Europea no que están representados os entes rexionais e locais. Fará 30 anos en 2024, coa misión de participar no proceso decisorio comunitario en defensa dos intereses dos poderes rexionais e locais, defendendo polo tanto a subsidiariedade e a gobernanza multinivel e favorecendo unha mellor participación da cidadanía.

Con este obxectivo prepara ditames e resolucións sobre cuestións que afectan ás entidades rexionais e locais europeas, ben a pedimento das institucións en materias establecidas nos Tratados, ben por propia iniciativa. Coas súas achegas, Galicia garante a defensa dos seus intereses e a visibilidade das súas prioridades, de conformidade coa Estratexia Galega de Acción Exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/12/2023