A Xunta publica no DOG a convocatoria para xaneiro e marzo aos titulares dos terreos necesarios para executar a nova glorieta no Val e a conexión co polígono de río do Pozo de Narón

O levantamento de actas previas terá lugar o 10 de xaneiro e a formalización das actas de ocupación o 25 de marzo no salón de plenos do Concello de Narón

As obras, licitadas este mesmo luns, suporán un investimento global de 935.000 euros e o obxectivo da Xunta é inicialas na primavera

Mellorarase a mobilidade no Val substituíndo a actual intersección en cruz por unha rotonda de 32 metros de diámetro no cruce da AC-116 coa vía da deputación

Tamén se executará un novo viario de acceso directo ao polígono de Río do Pozo cunha glorieta de 42 metros de diámetro que unirá a AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba e evitará o paso do tráfico en Santa Margarida

Esta nova intervención da Xunta mellorará a seguridade viaria e facilitará a mobilidade cara ao polígono empresarial, que dá cabida a un centenar de empresas e funciona como motor económico, industrial e comercial de Ferrolterra

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria, para o día 10 de xaneiro e para o día 25 de marzo, dos actos expropiatorios para executar as obras da nova glorieta no Val e da conexión co polígono empresarial de río do Pozo, no concello de Narón. 

As obras, licitadas este mesmo luns, suporán un investimento global de 935.000 euros, tendo en conta a expropiación dos predios necesarios para a súa execución e a reposición dos servizos afectados.

A previsión da Xunta é iniciar na primavera a construción destas dúas glorietas que mellorarán a mobilidade na zona do Val e cara ao polígono, cuxas obras contarán cun prazo de execución de 12 meses. 

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 10 de xaneiro, das 11,00 ás 11,30 horas, no salón de plenos do Concello de Narón. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 25 de marzo, das 11,00 ás 11,15 horas, no mesmo lugar.

No seguinte enlace pode consultarse esta información.

As intervencións deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta consistirán na construción dunha nova rotonda no Val, no cruce da AC-116 coa estrada da deputación, á altura do quilómetro 4+120; e tamén unha nova glorieta nesta vía autonómica para conectala co polígono de Río do Pozo, no quilómetro 3+360.

Máis en concreto, na intervención habilitaranse esas dúas novas glorietas. A glorieta norte, na zona do Val, executarase sobre a plataforma existente, realizando ensanches onde sexa necesario e terá 32 metros de diámetro. Mediante esta intervención mellorarase a seguridade viaria nesta zona, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e desaceleración.  

Con respecto a outra intervención, a glorieta sur e novo viario de acceso ao polígono, habilitarase unha rotonda máis grande, de 42 metros de diámetro. Esta glorieta conectará a estrada autonómica AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba a través do polígono. Esta nova conexión está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia cuxa actualización foi aprobada pola Xunta, e evitará o paso do tráfico pola vía provincial en Santa Margarida, beneficiando aos veciños.  

Estas actuacións completaranse con traballos de drenaxe, coa disposición de tubaxes que permitan dar continuidade á rede actual e a disposición de pozos e sumidoiros para a recollida da auga de escorrenta da estrada.

A solución proposta para estes dous puntos é a máis acaída, tanto a nivel técnico, como da seguridade viaria e da funcionalidade da propia estrada.

O obxectivo da Xunta é ofrecer aos veciños de Narón, especialmente no Val, maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos, ademais de incidir na competitividade de toda esa zona, ao facilitar a mobilidade cara a esta grande área industrial que dá cabida a un centenar de empresas e funciona como un motor económico, industrial e comercial da comarca de Ferrolterra.

Data de actualización: 14/12/2023