A Xunta enxalza o traballo do Ceida na posta en valor e divulgación da biodiversidade do litoral galego

Oleiros (A Coruña), 13 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares eloxiou o traballo que desenvolve o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) nos ámbitos da educación, da divulgación, na formación e na cooperación, contribuíndo á conservación e a difusión da rica biodiversidade da costa galega. Así o manifestou o titular de Mar acompañado polo director do Ceida, Carlos Vales, á vez que puxo en valor que, ao igual que esta institución, o conxunto do sector pesqueiro galego tamén mantén un forte compromiso coa sustenabilidade ambiental polo que é un referente europeo e sen o cal non sería posible acadar a mellora das cotas de captura de merluza alcanzada esta semana en Bruselas .

A entidade universitaria, creada mediante un convenio a tres bandas entre a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, ten como obxectivo coordinar, dinamizar e promover a educación ambiental na comunidade. Os ámbitos de traballo deste organismo abranguen áreas como a auga, o cambio climático a conservación dos espazos naturais protexidos ou a xestión ambiental municipal entre outros. Tamén acolle o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga, un centro público de recursos de información e documentación sobre a sensibilización ambiental e o medio ambiente. Esta biblioteca científica oferta a todos os interesados un servizo de procura e acceso á máis recente información sobre a realidade ambiental a través de monografías, publicacións periódicas, recursos audiovisuais e electrónicos ou cartografía cun fondo documental con máis de 27.000 recursos bibliográficos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023