A Xunta entregou nos últimos anos máis de 85 embarcacións pneumáticas ás Agrupacións de Protección Civil da comunidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de dous equipos destas características aos concellos de Arteixo e Cabanas
 

Forman parte dos 13 municipios beneficiarios con estas embarcacións na orde de equipamento do ano pasado dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil
 

O DOG vén tamén de publicar esta semana a resolución da convocatoria deste 2023 cunha dotación de 400.000 euros que permitirá renovar o material de 86 entidades
 

Cabanas, 13 de decembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo entrega esta mañá de cadansúa embarcación pneumática aos concellos de Arteixo e Cabanas para as súas respectivas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).  

Ambas inclúense nas 13 lanchas deste tipo cedidas pola Xunta no marco da orde de axudas do ano pasado para equipamento de emerxencias a concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con AVPC.  Xunto con Arteixo e Cabanas, tamén recibiron equipos deste tipo a través desta convocatoria os municipios de Bergondo, Cerceda, Mazaricos, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Ponteceso, A Rúa, Viana do Bolo e O Vicedo.  

O investimento neste equipamento ascende a case 211.750 euros, máis de 16.200 euros cada unidade. Tal e como destacou Diego Calvo, nos últimos anos lévanse entregado máis de 85 embarcacións pneumáticas a concellos con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.  

As embarcacións semirríxidas entregadas hoxe están destinadas a operacións especiais, rescate rápido e outras actividades. Cunha eslora superior aos catro metros e unha manga de case dous metros, os cascos están construídos en poliéster reforzado con fibra de vidro. Deseñadas para o transporte de ata seis persoas, a propulsión componse dun motor de 40 cv que permite alcanzar altas velocidades e ter unha gran forza de arrastre para remolcar botes salvavidas en caso de catástrofe.  

Cómpre sinalar que na entrega de embarcacións pneumáticas teñen prioridade as entidades locais integradas no Plan de Protección Civil de Salvamento en Praias de Galicia  (Sapraga) ou que teñan encoros nos que ao longo dos últimos tres anos se realizasen probas deportivas ou de adestramentos. 

A entrega de hoxe súmase ás efectuadas ao longo do ano ao abeiro desta convocatoria do pasado ano, que beneficiou máis dun cento de municipios. Entre o material cedido figuran, ademais das 13 embarcacións, 8 remolques, seis vehículos todoterreo, 30 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, oito coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal e máis dun cento desfibriladores externos. 

A iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos, pese a tratarse dunha competencia municipal no caso das localidades de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación.  

Nova orde de axudas a equipamento

O vicepresidente primeiro lembrou que esta mesma semana o Diario Oficial de Galicia publicou xa a resolución da nova convocatoria de axudas correspondentes a este 2023 para equipamentos de emerxencias nos municipios con AVPC. Cun investimento total de 400.000 euros, un total de 86 colectivos -26 da Coruña, 9 de Lugo, 28 de Ourense e 23 de Pontevedra- verán reforzado o seu material coa cesión de 8 remolques, 20 tendas de campaña para a atención ás emerxencias e 21 ferramentas eléctricas, así como 21 kits de material loxístico para a seguridade viaria e 16 kits de material para actuacións no medio acuático. 

Este novo material sumarase aos 220 vehículos, máis de 130 remolques, máis de 130 terminais de radiocomunicación, entre outros recursos, cedidos ás agrupacións nos últimos anos. O Goberno galego contribúe desta maneira -sinalou Diego Calvo- a mellorar a capacidade de prevención e reducir os tempos de resposta ante riscos e emerxencias derivados de diferentes sinistros como incendios ou inundacións. 

As achegas da Xunta nos últimos anos destinadas a estes servizos ascende a 26 millóns de euros, dos que 15 millóns foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). A maiores, as AVPC recibiron ao longo destes anos 4 millóns de euros para custos de funcionamento, no marco dunha orde anual de 340.000 euros que este ano xa se resolveu con 189 entidades beneficiarias. 

Ademais, no caso dos GES e dos consorcios de bombeiros a Xunta tamén asume máis da metade dos seus custos de mantemento anuais, o que supón un importante desembolso económico para a Xunta cada exercicio. Os efectivos dos GES, dos servizos de extinción de incendios e salvamento e os servizos municipais de protección civil e emerxencias poden participar ademais na AGASP na ampla oferta de actividades formativas dirixidas a estes colectivos no marco do plan de formación continua da Academia para que acaden unha ampla capacitación no exercicio das súas funcións e no desenvolvemento das súas competencias.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023