A Xunta inicia as obras de adecuación dunha parada de autobús na estrada AC-419 na Bugalleira, no concello de Ponteceso

A intervención permitirá resolver a ausencia de parada de autobús en ambas as marxes da vía autonómica, na zona da Noria, ao seu paso polo municipio

Os traballos, que contan cun investimento de máis de 47.000 €, atenden á petición da asociación STOP Accidentes para a mellora da seguridade viaria e o acceso dos escolares do CEIP Ramón Otero Pedrayo á parada de autobús

As intervencións consisten na dotación de marquesiñas, a creación dun itinerario peonil de acceso á parada de forma segura, iluminación e sinalización indicativa

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar os traballos de acondicionamento dunha parada de autobús na estrada autonómica AC-419 na Bugalleira, na parroquia de Santo André de Tallo, no concello de Ponteceso.

Esta intervención supón un investimento autonómico de máis 47.000 euros e a empresa encargada da súa execución é Construcciones López Cao, S.L..

As obras que se están a levar a cabo permitirán resolver a ausencia de parada de autobús en ambas as marxes da estrada AC-419 na zona da Noria, ao seu paso polo municipio.

Con esta actuación a Xunta atende á petición trasladada pola asociación STOP Accidentes de cara a mellorar a seguridade viaria e o acceso nesta zona da estrada autonómica na que fan parada os autobuses escolares do CEIP Ramón Otero Pedrayo.

As actuacións en execución para a mellora da seguridade viaria céntranse na eliminación de vexetación, mellora da visibilidade e mellora da iluminación.

A intervención inclúe a ampliación do espazo ao redor das paradas, sinalización de limitación de velocidade e/ou de precaución por presenza de peóns.

Ademais, para mellorar a accesibilidade á parada habilitarase un itinerario peonil seguro coa correspondente sinalización indicativa de paradas.

Nestes momentos están a executarse traballos previos e demolicións, ademais da limpeza das marxes da estrada, a retirada do refuxio existente, demolición e fresado de firme, e traslado de sinais verticais.

Despois continuarase avanzando na intervención co movemento de terras, escavación en caixa, recheo e terraplén para contención de terras; ao que lle seguirá a iluminación, firmes e pavimentos, xunto coa extensión de zahorra e mesturas bituminosas en quente. Finalmente acometerase a sinalización, co pintado de marcas viarias e a colocación de sinalización vertical.

A urbanización da contorna permitirá a conformación dun espazo para peóns de formigón con bordo, recolocación do refuxio e colocación de tótem sinalizador de parada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023