A Xunta adxudica por máis de 3,27 millóns de euros o servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias

O contrato está dividido en catro lotes, un por provincia

Os servizos contratados comprenden desde a redacción de proxectos sinxelos a outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado e construtivo, información pública ou trámite ambiental

Os traballos atenderán as necesidades de redacción de proxectos nos próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación de estradas, sen prexuízo de que para obras máis grandes se liciten contratos de redacción independentes

Tamén recolle a valoración de proxectos singularizados, como o do novo acceso ao hospital de Ourense, a 2ª fase de mellora da LU-651 en Folgoso do Courel, ou o da VAC Tui-A Guarda, entre o enlace de Areas e a PO-350

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

A Xunta adxudicou por 3.271.687 euros o contrato para o desenvolvemento do servizo de redacción de proxectos en materia de estradas nas catro provincias.

Este contrato dividiuse en catro lotes, un por provincia. O lote 1, que se corresponde coa provincia da Coruña, foi adxudicado á empresa Eptisa, Servicios de Ingeniería S.L, por 1.032.613 euros; e o Lote 2, para a redacción de proxectos na provincia de Lugo, foi adxudicado á empresa Ingenieria del Noroeste S.L. (INOR) por 598.103 euros.

No caso do lote 3, que se centra na provincia de Ourense, os traballos foron adxudicados á empresa Tecyp Ingenieria S.L., por 593.110 euros; e o lote 4, que se corresponden coa provincia de Pontevedra, foi adxudicado por 1.047.860 euros á UTE Proyfe,S.L.-Urbing Proyectos de Urbanismo e Ingeniería Civil, S.L.

Os traballos que se veñen de adxudicar neste contrato conxunto teñen como obxectivo prestar servizo de apoio técnico na redacción de proxectos para a realización de actuacións que executa a Axencia Galega de Infraestruturas.

En todos os caso, os trabalos inclúen a redacción de proxectos de trazado e construtivos e de proxectos máis sinxelos, como os de mellora do firme das estradas, de incremento da seguridade viaria ou de execución de itinerarios peonís e ciclistas; pero tamén de proxectos máis complexos que levan aparelladas estruturas, proxectos de urbanización e humanización de travesías en treitos urbanos das estradas da Xunta ou incluso para infraestruturas de novo trazado.

Abrangue, polo tanto, desde a redacción de proxectos sinxelos, que non teñen complexidade técnica nin precisan expropiacións, ata outros de maior envergadura, que xa requiren da redacción de proxecto de trazado e construtivo, información pública ou trámite ambiental.

Deste xeito, este contrato de servizo permitirá atender as redaccións dos proxectos necesarias para os próximos anos en materia de mobilidade sostible, seguridade viaria ou conservación, sen prexuízo de que para proxectos grandes, se liciten contratos de redacción independentes, como o caso da autovía Nadela-Sarria.

Ademais, co fin de facilitarlles aos adxudicatarios a presentación das súas ofertas, este contrato tamén recolle a valoración de proxectos singularizados, como a redacción do proxecto do novo acceso ao hospital de Ourense desde a N-525; a redacción do proxecto da 2ª fase de mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel; ou a redacción do proxecto da VAC Tui-A Guarda, no treito entre o enlace de Areas e a estrada PO-350.

Data de actualización: 13/12/2023