A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe esta actuación

A Xunta licita as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 para a execución dunha nova senda e pasarela baixo a vía do tren cun investimento de 1,26 M€

Vázquez Mourelle sinala que se prevé poder comezar os traballos na primavera de 2024

O obxectivo é solucionar o estreitamento nesta vía, no paso baixo o ferrocarril, favorecendo a mobilidade dos usuarios vulnerables, especialmente os peóns

Executarase un itinerario diferenciado dos carrís de circulación e con conexión coas beirarrúas a ambos lados do paso, o que redundará en maior seguridade na contorna

O itinerario terá unha lonxitude total de 128 metros, en sección de senda mixta, para peóns e ciclistas non deportivos, cun ancho variable, entre os 2,5 e os 4 metros

Oza-Cesuras (A Coruña), 13 de decembro de 2023

A Xunta licitou hoxe as obras de mellora da mobilidade peonil na estrada AC-840 para a execución dunha nova senda e pasarela baixo a vía do tren cun investimento de 1,26 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe esta actuación que suporá unha mellora significativa da seguridade viaria na vía autonómica.

Vázquez Mourelle sinalou que hoxe se licitan estas obras e as empresas teñen de prazo ata o 17 de xaneiro para presentar as súas ofertas, polo que a partir de aí continuarán os trámites para poder comezar os traballos na primavera de 2024.

Trátase de darlle solución ao estreitamento nesta vía á altura do quilómetro 8+280, no paso baixo o ferrocarril. Neste punto agora mesmo só hai espazo para a circulación de vehículos, de xeito que calquera persoa que queira pasar andando ten que facelo pola estrada.

A solución deseñada polos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas consiste en habilitar un paso exclusivo e seguro para os usuarios máis vulnerables da estrada, como son os peóns e ciclistas non deportivos, favorecendo a mobilidade das persoas con maiores dificultades.

Executarase un itinerario diferenciado dos carrís de circulación e con conexión coas beirarrúas a ambos lados do paso baixo o ferrocarril, o que redundará en maior seguridade nesa contorna.

O itinerario terá unha lonxitude total de 128 metros, en sección de senda mixta, para peóns e ciclistas non deportivos, cun ancho variable, entre os 2,5 e os 4 metros.

A senda terá dous treitos diferenciados: por unha banda, unha rampla paralela á vía do tren, para salvar a altura entre a cota de entrada do paso e a do viario de servizo e que se sosterá cun muro de formigón armado lateral; e por outra banda, outro treito que será o paso baixo o tren cunha estrutura de formigón armado de 22 metros, dividida en dous módulos. O itinerario continuará paralelo ao noiro existente ata o camiño de servizo que empata coa AC-840.

A solución deseñada ten a vantaxe de que permite evitar afeccións significativas durante a execución das obras ao tráfico viario na propia estrada AC-840 e tamén ao tráfico ferroviario. A este respecto, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que, ante a inviabilidade de chegar a un acordo co Ministerio de Transportes e con Adif para a execución e financiación do paso baixo a vía do tren, a Xunta e o Concello de Oza-Cesuras selaron un acordo que permite levar a cabo a actuación.

O proxecto tamén inclúe a dotación de iluminación en todo este treito e a execución de rede de drenaxe de pluviais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023