A Xunta destaca a importancia de dar a coñecer os valores xacobeos entre a rapazada

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na cuarta edición do ‘Festival Escolar do Camiño Inglés’, organizado pola Fanpa Ferrolterra Concepción Arenal para promover esta ruta entre os milleiros de escolares das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Ferrol, 13 de decembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañou hoxe escolares de centros educativos de Ferrolterra, Eume e Ortegal na cuarta edición do IV Festival Escolar do Camiño Inglés, posto en marcha pola Federación de Anpas de Ferrol e comarca Concepción Arenal. O obxectivo desta iniciativa é fomentar entre o alumnado de Educación Primaria -entre 6 e 12 anos- a difusión desta ruta, dos valores xacobeos e dos recursos turísticos das localidades polas que transcorren as súas dúas variantes.

Cómpre lembrar que este proxecto resultou beneficiario nas tres convocatorias de axudas do programa O Teu Xacobeo, co que a Xunta contribuíu a reforzar a implicación da sociedade galega na celebración do Ano Santo Dobre. A través de tres ordes de axudas entre 2019 e 2022 financiáronse case 700 proxectos en 220 concellos galegos que permitiron a celebración do Xacobeo por todo o territorio galego cun investimento total de máis de 9,5 millóns de euros.   

O Festival Escolar do Camiño Inglés continuará agora cun novo formato tendo como protagonista cada ano unha das localidades polas que pasa o Camiño Inglés. Este ano foi Ferrol, un dos puntos de partida da ruta, de maneira que os escolares deben deseñar contidos sobre o patrimonio cultural e natural, e outros datos de interese da cidade ferrolá. A programación incluíu un espectáculo teatral e, como cada ano, unha peregrinación a Santiago de Compostela.

A Xunta aposta polo impulso do Camiño de Santiago para coñecer Galicia de xeito familiar e sostible. Nesta liña, a participación de milleiros de nenos e nenas neste festival supón unha boa medida para achegarse de maneira lúdica ás distintas rutas xacobeas. Ademais, axuda a fomentar o coñecemento da cultura e do patrimonio que rodea os Camiños a Santiago, e especialmente entre os máis novos, xa que desta maneira se colabora na salvagarda do rico patrimonio cultural da nosa comunidade.

O Camiño Inglés protagonista deste certame escolar ten cada vez máis adeptos. No que vai de ano rexistráronse máis de 444.500 compostelas, das que case 24.000 corresponden ao Camiño Inglés, a cuarta ruta máis transitada e que experimentou un importante incremento nos últimos anos en comparación cos 11.000 de 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2023