O conselleiro do Mar fixo balance do resultado do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que negociou os cupos

O acordo de TACs e cotas en augas da UE para 2024 resulta decepcionante para os intereses de Galicia ao non mellorar a proposta inicial da Comisión Europea

Alfonso Villares lamenta que non se aproveitase a presidencia española do Consello da UE para frear impactos negativos en especies de gran interese para a frota galega, como a solla, o merlán e o linguado, que baixan entre un 17 e un 35 %

No abadexo a caída para os próximos tres anos, cota plurianual, é do 53 %, con peches completos en abril e límites para a pesca recreativa, co único punto positivo que se poderá capturar indistintamente de Fisterra para abaixo e no Cantábrico

No xurelo continuarán unhas restricións que supuxeron un golpe de 11 millóns de euros ao sector este ano, especialmente ao cerco, sen que se estudie a situación en cada zona para permitir aperturas da pesqueira nalgunha delas

Bruxelas, 12 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asegurou hoxe que o resultado do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se fixaron os totais admisibles de capturas (TAC) e as cotas para 2024 en augas comunitarias non da resposta a boa parte dos intereses que Galicia depositaba nesta negociación, pois  unha vez máis e como xa acontecera en 2023, apenas supuxo avances fronte a proposta  inicial presentada pola Comisión Europea.

Rachábase así coa esperanza que se mantiña, tanto desde o sector como desde a Xunta, de que se aproveitase a oportunidade que supoñía que España encabezase neste semestre final do ano o Consello da UE para acadar mellores opcións de pesca de cara ao vindeiro exercicio e seguintes nalgún casos, por ser a primeira vez que se establecían cotas plurianuais para algunhas especies. Unha esperanza que Alfonso Villares veu frustrada cando se comezaron a coñecer os pormenores do acordo.       

O titular de Mar, que estivo seguindo co sector desde Bruxelas acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, tivo que agardar á evolución duns debates que pecaron de opacidade e que se prolongaron moito máis do que adoitaban, pois se no pasado o acordo chegaba sempre de madrugada, nesta ocasión retrasouse o anuncio ata o mediodía. A dificultade para chegar a bo porto centrouse na redución dos días de pesca do Mediterráneo e nalgunhas especies de alto interese para Galicia onde a Comisión Europea prevía meter a tesoira e así o acabou facendo.

Así, a negociación fracasou a pesar dos días de debate continuado e a Comisión Europea acabou por impoñer os seus criterios, sen que a delegación española que lideraba o ministro Luis Planas fose quen de reverter algunhas das caídas que máis preocupaban aos profesionais do mar galegos, como poden ser as rexistradas no linguado, o merlán e a solla que, con cotas plurianuais, acabaron situándose entre o -17 e o -35 % de baixada. Un linguado que que se recortou, ademais, un 60 % en augas de Gran Sol.

Outro aspecto que propiciou a intranquilidade da frota é o descenso no abadexo, outra cota establecida a tres anos vista que baixa un 53 %. Tamén se limitan as capturas para a pesca recreativa a dous exemplares por día e establécese un peche completo ata o mes de abril para esta modalidade. Neste peixe a única cuestión que trae algo de luz é que se vai a poder pescar indistintamente de Fisterra para baixo e no Cantábrico, polo que é posible que chegue a cota a fin de ao unificar consumos e pescalos conxuntamente.

Tampouco foron boas as noticias para a cigala na unidade funcional que corresponde a  Galicia, do mesmo xeito que na anguía non houbo melloras a pesar da boa xestión que se fai desde a comunidade autónoma, mantendo a veda para o conxunto da UE en 6 meses.

En canto ao xurelo, a pesar de medrar un 5 % a posibilidade de pesca de Fisterra ata o Golfo de Cádiz, mantense en cambio a restrición en todo o norte de Galicia e conxunto do Cantábrico que so faculta as capturas accesorias desta importantísima especie para a frota galega, e en especial a de cerco. Os informes presentados pola Xunta, que testemuñan un impacto económico nesta actividade de 11 millóns de euros, non serviron para que se atendese a petición de realizar un análise por zonas da situación do recurso para permitir abrir a pesqueira nalgunhas destas áreas.

En canto as subidas, non houbo novidades máis aló das recollidas no documento do que partía a negociación e que responden o bo estado dos stocks, o que certifica, unha vez máis, o esforzo pola sustentabilidade e o respecto da frota galega á hora de faenar, segundo destacou Alfonso Villares. Sube esta especie un 10 % en augas europeas, aínda que en Gran Sol, tralo acordo con Reino Unido, baixa un 12,5 %. Tamén se agardaban os aumentos en peixe sapo (7 %) ou meiga (11 %), avalados xa de entrada por Bruxelas.  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 12/12/2023