A Xunta velará pola selección dun proxecto industrial que garanta a viabilidade de Fandicosta

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, a directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez Espiño, mantiveron unha reunión de traballo co comité de empresa e representantes da compañía

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

A Xunta mantivo unha reunión de traballo co comité de empresa de Fandicosta e representantes da compañía para coñecer a súa situación actual, tendo en conta, ademais, a súa condición como accionista. Así, comprometeuse a velar pola selección dun proxecto industrial que garanta a viabilidade de Fandicosta.

En concreto, o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, a directora do Igape, Covadonga Toca e a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez Espiño, estiveron neste encontro no que trasladaron que, no actual proceso polo que está a pasar a empresa na busca dun comprador, a Xunta actuará dentro das súas capacidades. Deste xeito, velará pola selección da oferta que teña en conta un plan de viabilidade industrial e maximice a preservación dos postos de traballo.

Deste xeito, o Goberno galego comprométese a seguir vixiante a evolución dos acontecementos e a situación desta empresa, un referente da cadea mar-industria.

Data de actualización: 12/12/2023