A Xunta expuxo as actuacións públicas en vivenda nas xornadas organizadas polo Colexio de arquitectos
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo expuxo as actuacións directas do organismo e as axudas para o acceso á vivenda, á rehabilitación e á promoción privada
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, participou hoxe nas I Xornadas sobre a crise da vivenda, organizadas polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) co obxectivo de diagnosticar a problemática e propor alternativas residenciais que contribúan a mitigar a situación.
Na súa intervención, expuxo os programas de actuación directos que desenvolve o organismo autonómico, como a construción de vivendas de promoción pública, a adquisición e rehabilitación de inmobles residenciais e a urbanización de solo destinado a vivenda protexida.
Así mesmo, referiuse ás axudas do IGVS a particulares para facilitar o seu acceso á vivenda, tanto en alugueiro como en compravenda, ás axudas a comunidades e propietarios para a rehabilitación de inmobles xa existentes e ás axudas a promotores públicos e privados para incentivar a construción destinada a alugueiro.
O director xeral do IGVS tamén abordou a Lei estatal polo dereito á vivenda, considerando que algunhas das medidas establecidas na mesma poden xerar máis problemas dos xa existentes no canto de solucionalos, ademais de tratarse dunha norma que invade competencias da comunidade autónoma.