O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe á presentación da Fundación Ecca Social

A Xunta destina máis de 200.000 euros a apoiar os programas de inclusión da fundación ECCA social

O Goberno galego traslada o seu apoio a esta nova iniciativa que nace de Radio Ecca, entidade coa que a Administración autonómica leva anos colaborando no impulso de programas sociais

Vigo, 12 de decembro de 2023

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá na presentación da Fundación Ecca Social, unha nova entidade que nace da coñecida como Radio Ecca. Durante a súa intervención, destacou que o Goberno galego destina máis de 200.000 euros a apoiar os seus programas de inclusión a través das dúas convocatorias de axudas dirixidas a entidades que xestiona con este fin, unha delas financiada con cargo ao 0,7% do IRPF e a outra cofinanciada co Fondo Social Europeo.

Arturo Parrado afirmou que o Goberno galego seguirá colaborando con esta entidade como o fixo durante os últimos anos e resaltou que durante este tempo Radio Ecca demostrou saber atender as necesidades das persoas en risco de exclusión desde distintas perspectivas: a formación, a transición ao emprego ou o apoio en necesidades básicas.

O director xeral felicitou á Fundación Ecca Social por este novo paso adiante e agradeceu o seu compromiso por seguir facendo de Galicia un lugar máis xusto, solidario e igualitario no que vivir. Neste sentido, lembrou que a Administración autonómica está moi agradecida por contar cun tecido asociativo forte e sempre disposto a mellorar e impulsar novas iniciativas dirixidas ás persoas que máis o necesitan.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023