A Xunta instala unha marquesiña e facilita o cambio de sentido dos autobuses na entrada a Lugo polo Carqueixo

O delegado territorial subliña que a actuación conta cun orzamento de 60.000€ mellorará a seguridade viaria no acceso á cidade pola LU-530 e favorecerá o uso do transporte público

Esta actuación forma parte dun investimento global de 1,6 millóns de euros por parte do Goberno galego para mellorar 51 paradas en vías autonómicas do norte da provincia
 

Lugo, 12 de decembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar os traballos de construción dunha parada na estrada autonómica LU-530 en Lugo, xunto ao Carqueixo, que inclúen un novo espazo para permitir a manobra dos autobuses e a instalación dunha marquesiña.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou hoxe que esta actuación conta cun orzamento de 60.000 euros e mellorará a seguridade dos usuarios do transporte interurbano, de competencia autonómica, pero tamén favorecerá o transporte urbano coa recuperación da parada do Carqueixo, materializando así a colaboración ofrecida pola Xunta ao Concello de Lugo.

Ao respecto, Arias lembrou que a supresión desta parada hai dous anos por parte da Administración local e o punto alternativo que propuxeron xeraron un problema de seguridade viaria para os veciños, que se vían obrigados a camiñar por unha das estradas con máis tráfico da rede autonómica provincial, superando os 10.000 vehículos ao día.

O Concello decantárase por esta opción para evitar que os autobuses tiveran que utilizar a raqueta da A-6 para realizar o cambio de sentido, o que lles supoñía un incremento dos custes e quilometraxe.

O propio delegado mantivo reunións cos veciños e co tenente de alcaldesa e responsable do transporte urbano de Lugo nas que trasladou esta solución que agora se está a materializar, que pasa por expropiar os terreos e executar as obras necesarias para que os autobuses do servizo municipal poidan xirar nese punto con todas as garantías de seguridade.

As competencias do transporte urbano son do Concello de Lugo, pero a Xunta é a encargada de autorizar a instalación das paradas en vías de titularidade autonómica e “esta actuación deseñouse pensando en dar o mellor servizo á veciñanza do Carqueixo e doutras parroquias como Barbaín que utilizan os autobuses urbanos”, apuntou Arias. Ademais, a parada está integrada na liña entre Lugo e A Fonsagrada do transporte autonómico interurbano.

O delegado lembrou que a intervención forma parte do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, en concreto do proxecto para a zona norte da provincia de Lugo, que recolle 51 actuacións cun investimento de 1,6 millóns de euros.

Estas intervencións engloban 15 estradas que conectan polo norte coa cidade de Lugo e discorren por dez concellos. En concreto, melloraranse 30 paradas no municipio da capital, cinco en Xove, catro en Castro de Rei, dúas en Riotorto, Outeiro de Rei, O Vicedo, Cospeito e Begonte, e unha en Abadín e Meira respectivamente.

Segundo as necesidades, dótanse de refuxios, postes, bancos ou apoio isquiático,   realízanse as reformas precisas para facilitar as manobras dos autobuses, e tamén se propicia a conectividade a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023