A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na posta en marcha desta iniciativa

A Xunta e Repsol poñen en marcha un proxecto pioneiro en Galicia para recuperar aceite de cociña usado e transformalo en biocombustible

Ángeles Vázquez explica que se habilitan puntos de recollida en máis de 180 estacións de servizo das catro provincias

Lembra que a partir de 2025 todos os concellos terán a obriga de garantir a recollida separada deste tipo de residuo doméstico, presente en todos os fogares
 

A Coruña, 12 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia e a empresa Repsol colaboran na posta en marcha dun proxecto pioneiro na Comunidade para a recollida de aceite de cociña usado de orixe doméstica en estacións de servizo e a súa posterior transformación en biocombustible.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Transformación Industrial de Repsol, Juan Abascal, visitaron hoxe unha das preto de 180 gasolineiras que xa se adheriron a esta iniciativa en Galicia, e avanzaron a intención de incrementar ese número en vindeiras datas para contar “cunha rede o máis ampla posible para dar un bo servizo aos cidadáns”.

Logo de lembrar que a partir do 1 de xaneiro de 2025 os concellos estarán obrigados por lei a recoller de forma separada o aceite usado de orixe doméstica, Ángeles Vázquez explicou que grazas a este proxecto se lles facilitará aos cidadáns o depósito e xestión dun residuo moi habitual e presente en todos os fogares, ademais de garantir que reciba un tratamento axeitado e se poida transformar nun novo produto, dándolle unha nova vida e evitando que acabe contaminando solos e augas.

De feito, Repsol encargarase de recoller todo o aceite que se deposite nos puntos habilitados a tal fin nas estacións participantes para transformalo en combustible renovado, reducindo así as emisións de CO2 en torno a un 90% con respecto á alternativa fósil.

Neste sentido, a vicepresidenta segunda puxo en valor o compromiso da compañía enerxética coa loita contra o cambio climático, apostando por iniciativas que, como esta, contribúen ao desenvolvemento de modelos enerxéticos máis sostibles e a avanzar cara a unha progresiva descarbonización.

A maiores, a vicepresidenta segunda salientou que o Goberno galego, ademais de apostar pola colaboración público-privada para avanzar cara a un modelo de economía circular na Comunidade, tamén apoia ás administracións locais para o desenvolvemento da recollida separada de residuos. Así, desde 2017 a Xunta concedeu máis de 317.000 euros en axudas a 50 concellos galegos para a implantación de sistemas de recollida separada de aceites.

Ademais, cómpre lembrar que a iniciativa posta en marcha hoxe se enmarca na Estratexia galega de economía circular 2020-2030, un instrumento que desde a súa aprobación marcou a folla de ruta a seguir pola Xunta para facer de Galicia un exemplo de sostibilidade e uso eficiente dos recursos que facilite a transición dun modelo económico lineal baseado en usar e tirar a outro máis verde, sustentable e eficiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023