O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugura ‘Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago’, que pode verse no Museo das Peregrinacións e de Santiago

A Xunta homenaxea aos voluntarios da ruta xacobea na exposición conmemorativa do 30 aniversario do Camiño francés como Patrimonio da Humanidade

Inclúe distintas imaxes en branco e negro e en cor do fotógrafo e peregrino Manuel G. Vicente na década dos anos 90 ata 2014 en varias localizacións de Galicia

“Recuperamos esta interesante escolma fotográfica para poñer en valor o exercicio da enorme hospitalidade xacobea, tan importante nestas tres décadas”, expresa

Poderá visitarse ata o 30 de marzo do vindeiro ano e durante esta semana organízase unha actividade a modo de scape room virtual sobre o Camiño

Xosé Merelles anima a participar nas actividades da efeméride que continúan mañá co concerto gratuíto de música sacra na Igrexa de San Martiño Pinario
 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou hoxe a exposición Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago, a mostra coa que a Xunta de Galicia homenaxea aos voluntarios da ruta xacobea no marco das conmemoracións do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade.

“Trátase dunha mostra necesaria neste momento, no que queremos recuperar esta interesante escolma fotográfica para poñer en valor o exercicio de enorme hospitalidade xacobea que foi tan importante nas últimas tres décadas”, expresou Xosé Merelles. Neste sentido reiterou que se trata dunha homenaxe “a todas aquelas persoas que, de xeito voluntario, axudan a diario aos peregrinos nas rutas xacobeas e teñen un papel crucial nelas”, engadiu.

Realizadas entre os anos 1990 e 2014 as fotografías son autoría do fotógrafo e peregrino Manuel G. Vicente e amosan hospitais e albergues do Camiño, o traballo dos hospitaleiros, entre outras cuestións. Comisariada por Francisco Singul, pódese visitar desde hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o 30 de marzo de 2024.  Complétase cunha actividade para os seus visitantes a modo de ‘scape room’ virtual no que se poderá participar ata o 17 de decembro para nenos a partir de 9 anos e tamén poderán participar adultos.

Coa axuda dunhas gafas virtuais os participantes irán solucionando retos formulados por Rina Calixtina, protagonista do proxecto Vexo veo Xacobeo. Empregaranse as mecánicas da realidade virtual, coa temática do Camiño de Santiago e a actividade será guiada e supervisada por un monitor cunha duración de 10 minutos. Para máis información e suscricións no enderezo vexoveoxacobeo@gmail.com.

Concerto mañá

Xosé Merelles recordou que a programación conmemorativa da Xunta de Galicia polo 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade continúa mañá mércores na Igrexa de San Martiño Pinario cun concerto aberto ao público para escoitar música do Códice Calixtino e as Cantigas de Santa María de Afonso X.

Interpretado polo grupo Malandança e dirixido por Francisco Luengo, realizarase un programa de música sacra dos séculos XII e XIII vinculada coa peregrinación. Será un concerto gratuíto ás 19,00 horas. A retirada previa de entradas xa se pode realizar na Oficina do Peregrino de Carretas e na Oficina de Turismo de Galicia situada na Casa do Deán.

As acción seguirán o xoves 14 coa presentación do libro Cronoloxía Xacobea, unha visión de conxunto das peregrinacións compostelanas, de autoría do escritor Manuel F. Rodríguez e o venres 15 e sábado 16 será a quenda da reflexión e xornadas académicas que incluirán mesas redondas para afondar no Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas. O urbanismo, a sustentabilidade, o patrimonio, as políticas públicas, a arte, a historia con mesas redondas cun salientable espírito europeísta, que permitirán repasar estas tres décadas e reflexionar sobre o futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023