A Xunta colabora na adquisición dun vehículo híbrido para a Policía Local de Baiona cunha achega de 30.000 €

A directora xeral de Administración Local comprobou as prestacións do equipamento adquirido no marco das axudas do Fondo de Compensación Ambiental

Nos últimos anos Baiona recibiu case 900.000 euros ao abeiro das liñas de apoio da Xunta ao eido local

Baiona (Pontevedra), 12 de decembro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de Baiona para comprobar as prestacións do vehículo policial adquirido ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta liña de axudas, a Xunta destinou 30.000 euros á nova dotación. Trátase dun turismo híbrido ou eléctrico con distintivo ambiental cero emisións ou eco adaptado para permitirlle ao corpo de seguridade local realizar de xeito máis eficiente os labores de vixilancia e protección.

Segundo indicou Natalia Prieto, a iniciativa enmárcase nos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, entre os que figuran o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.

A directora xeral enmarcou o apoio da Xunta nesta adquisición no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso municipal e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. O conxunto delas supuxo en 2023 un investimento superior aos 27 millóns de euros para impulsar máis de 600 proxectos municipais.

Natalia Prieto salientou que concretamente Baiona, ao abeiro das distintas convocatorias, recibiu nos últimos exercicios case 900.000 euros. Canto ao Fondo Base de Cooperación Local, só en 2022, a contía destinada a este concello ascendeu a case medio millón de euros.

Ademais, sinalou que a estas medidas de apoio se sumará en 2024 unha nova liña de axudas plurianual destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais dotada con 5,3 millóns de euros e cofinanciada con fondos Feder.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023