A Xunta mostra ao alumnado de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo a importancia do uso da cartografía na xestión do territorio

Un grupo de estudantes puido comprobar como se aplican distintas ferramentas á xestión forestal así como diferentes solucións aportadas pola intelixencia artificial en cuestións relacionadas coa xestión do solo

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

O Instituto de Estudos do Territorio (IET) recibiu hoxe a visita dun grupo de 16 alumnos de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo para coñecer tanto as ferramentas coas que conta este organismo no eido da enxeñaría cartográfica como os resultados da súa utilización sobre o terreo.

Este grupo de estudantes, que foi recibido polo director do IET, Enrique de Salvador, puido comprobar a utilidade das bases de datos cartográficas e a súa aplicación no ámbito forestal, así como a experiencia do Executivo galego na aplicación desta tecnoloxía para a captura e procesamento de información sobre o territorio.

Nesta liña, os responsables do Instituto de Estudos do Territorio mostraron ás alumnas e alumnos cuestións relacionadas coa produción de cartografía topográfica, un elemento fundamental para a xeolocalización e análise do resto de datos sobre o terreo. De feito, amosaron o funcionamento de distintos proxectos neste eido, como o Galicia 5k, que busca harmonizar as bases topográficas producidas polas diferentes administracións empregando os modelos nacionais e europeos.

No ámbito das coberturas do solo, o alumnado da Universidade de Vigo puido coñecer os últimos avances na produción desta información mediante ferramentas de intelixencia artificial e distintos traballos desenvolvidos polo IET para outros departamentos da Xunta que contribuíron a unha mellor xestión da información sobre as distintas parcelas existentes en diferentes núcleos de poboación de Galicia.

No mesmo sentido, tamén puideron comprobar o funcionamento dos múltiples visores que xestiona o organismo dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no seu labor diario, como poden ser o da paisaxe de Galicia desde a bicicleta ou o das zonas de protección da paisaxe, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023