O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron esta mañá na entrega dos títulos de propiedade a 546 veciños

A Xunta remata a parcelaria de Cores-Nemeño, no concello coruñés de Ponteceso, tras reorganizar unha superficie de 303,17 hectáreas

José González resaltou que esta actuación supuxo un investimento de 1,6 millóns de euros e permitiu pasar de máis de 2.500 parcelas a 863 fincas, triplicando o tamaño medio dos predios, ao pasar de 1.090 metros cadrados a preto de 3.360

Salientou que dende o 2020 o Goberno galego rematou -con esta de Ponteceso- un total de 30 parcelarias, abranguendo unha superficie de máis de 19.800 hectáreas e beneficiando máis de 14.600 propietarios, que recibiron máis de 31.600 títulos de propiedade

Indicou que, xunto ás parcelarias, a Xunta aposta polos mecanismos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria e cos que, en total, xa mobilizou nesta lexislatura 35.000 hectáreas

O titular do Medio Rural visitou tamén a casa dos veciños do Couto, onde se atopa a Fundación Eduardo Pondal, que se reformou cunha achega de máis de 100.000 euros, co fin de seguir mellorando instalacións nas zonas rurais
 

Ponteceso (A Coruña), 12 de decembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Cores-Nemeño, nesta localidade coruñesa.

Este proceso de reestruturación da propiedade abrangueu unha superficie de 303,17 hectáreas, pertencentes a 546 veciños, e contou cun investimento de 1,6 millóns de euros para as asistencias técnicas e obras dos camiños principais, secundarios e outras obras complementarias. No acto desta mañá, o conselleiro incidiu na importancia deste traballo, co que se pasou de máis de 2.500 parcelas a 863 fincas, triplicando o tamaño medio dos predios, ao pasar de 1.090 metros cadrados a preto de 3.360.

30 parcelarias rematadas dende 2020

O conselleiro explicou que, en paralelo ás novas figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, as parcelarias seguen a ser unha das mellores ferramentas para potenciar o valor das terras. Por iso, detallou, as novas concentracións contan cunha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, xa que permiten aumentar a base territorial das granxas e reducir considerablemente os seus custos de produción.

José González lembrou que, dende o ano 2020, a Xunta rematou -con esta de Ponteceso- un total de 30 parcelarias, abranguendo unha superficie de máis de 19.800 hectáreas e beneficiando a máis de 14.600 propietarios, que recibiron preto de 31.600 títulos de propiedade.

O conselleiro avanzou que a Xunta seguirá decretando parcelarias onde sexa necesario. Neste sentido, lembrou que dende o ano 2021 se decretaron 29 novas parcelarias ao longo de toda Galicia, abarcando case 24.000 hectáreas de máis de 16.300 titulares.

Xunto ás concentracións parcelarias, o conselleiro de Medio Rural quixo resaltar que a Lei de recuperación da terra agraria aposta por mecanismos de mobilización voluntaria que permitan unha maior participación dos interesados da explotación das terras. Ferramentas coma os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupación de xestión conxunta da terra ou as permutas de especial interese agrario.

Contando todas estas figuras, e as propias parcelarias, a Xunta xa puxo en valor 35.000 hectáreas en toda Galicia nesta lexislatura. Isto amosa, destacou, o compromiso do Goberno galego para mellorar a estrutura territorial da comunidade e polo futuro rendible e sustentable das explotacións agropecuarias que viven nel.

Casa do Couto

O titular do Medio Rural tamén visitou hoxe en Ponteceso a casa dos veciños do Couto, onde se sitúa a Fundación Eduardo Pondal e na que estivo acompañado polo seu presidente, José Luis Fondo. Estas instalacións reformáronse a través dun convenio asinado entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Asociación Monte Branco, que dirixe o presidente da fundación, dentro da aposta desta axencia, dependente da Consellería, para apoiar actuacións de especial relevancia para o desenvolvemento rural.

A esta iniciativa destináronse un total de 101.584 euros, incluíndo unha reforma interior da edificación, actuacións de eficiencia enerxética e mellora do mobiliario e iluminación, co fin de facilitar a realización das actividades para as que está previsto o local e dentro da aposta do goberno autonómico por seguir mellorando instalacións nas zonas rurais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2023