A Xunta somete a información pública o proxecto de mellora de 43 paradas de autobús en estradas autonómicas en Nigrán, cun investimento de máis de 1 M€

O obxectivo é acondicionar as paradas situadas nas estradas PO-325, PO-552 e PO-340, todas no municipio de Nigrán, enmarcadas nas rutas de acceso polo sureste a Vigo

As actuacións inclúen a colocación de novos refuxios, a mellora dos apartadoiros para autobuses e a rehabilitación do pavimento, entre outras accións

As persoas interesadas poderán presentar as súas achegas a este proxecto no prazo de 30 días hábiles contados a partir de mañá

O Goberno galego ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35M€
 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de 43 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas no concello de Nigrán, nas rutas de acceso polo sureste a Vigo, que suporá un investimento de máis de 1M€.

As persoas interesadas poderán presentar as súas achegas a este proxecto no prazo de trinta días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio.

No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia tamén se pode consultar a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231212/AnuncioG0181-291123-0002_gl.html

O obxectivo é acondicionar as paradas ubicadas nas estradas PO-325 entre o punto quilométrico 9+330 e 14+670; na PO-552, entre o 7+470 e 12+850; e na PO-340, entre o 17+170 e 20+590, todas no municipio de Nigrán.

As actuacións inclúen a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís. Tamén se realizarán melloras do pavimento nas contornas das paradas.

Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.

Estas intervencións son susceptibles de financiación con fondos FEDER do período operativo 2021/2027 e súmanse ás financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU.

A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35M€.

Data de actualización: 12/12/2023