O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destas axudas para o período 2023-25

A Xunta financia o impulso de programas de inclusión social en 54 concellos galegos

Permitirá a posta en marcha de preto de 300 proxectos de inclusión para o que se destinará un orzamento de 7,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas a concellos para poñer en marcha programas de inclusión social. O Goberno galego axudará a 54 municipios de Galicia a través desta orde para levar a cabo actuacións dirixidas a adquisición de formación básica ou laboral, mediación intercultural ou para o apoio familiar, entre outros.

A Xunta incrementou nun 22% o orzamento destinado para esta orde que abarca o período 2023-25 e que supera os 7,6 millóns de euros, parcialmente cofinanciados con fondos do Programa Operativo FSE+ Galicia 2021-2027. Así, na anterior convocatoria (2021-23) estas axudas contaban cun orzamento de 6,2 millóns de euros. Os 54 concellos que resultaron beneficiados poderán financiar con estes fondos preto de 300 proxectos de inclusión.

Ademais dos programas de adquisición de formación básica ou laboral, mediación intercultural, de educación e apoio familiar, estas axudas permitirán poñer en marcha programas específicos para a atención a persoas sen fogar por parte das entidades locais. Trátase dunha novidade de convocatorias anteriores que se consolida e reforza na actual e que se enmarca dentro da estratexia da Xunta de Galicia para axudar os concellos na posta en marcha destes recursos. Conta tamén con programas específicos dirixidos a poboación xitana e inmigrante.

 

Data de actualización: 12/12/2023