O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitan este espazo artístico da compañía Furia Sotelo

A Casa Vella afiánzase en Allariz como laboratorio de danza co apoio da Xunta ao seu proxecto global de residencia e mediación

Acolleu 23 traballos de investigación nas artes do movemento dentro do programa Territorio Cultura do Goberno galego para dinamizar a cultura do rural

Tamén é unha das iniciativas seleccionadas na nova aceleradora de artes escénicas da Consellería de Cultura, que financia tamén a mellora dos seus equipos tecnolóxicos

Allariz (Ourense), 11 de decembro de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitaron en Allariz as instalacións de A Casa Vella, o laboratorio de creación e investigación en danza e artes do movemento que se está a afianzar como centro para a promoción destas disciplinas co apoio da Xunta de Galicia.

O inmoble, una casa de labranza situada na estrada á aldea de Amiadoso, acolleu nestes últimos dous anos 23 residencias artísticas doutros tantos proxectos de danza asociados ao programa Territorio Cultura, posto en marcha polo Goberno galego con financiamento europeo para dinamizar o tecido cultural en zonas rurais. Tamén foi sede dunha residencia do proxecto Circula!, promovido polo colectivo Danza-T para fomentar o contacto entre profesionais de distintas comunidades autónomas.

Precisamente unha das accións desenvolvidas no marco de Circula! foi á que asistiron Jacobo Sutil e Gabriel Alén, quen tiveron a oportunidade de coñecer todas as posibilidades do espazo e a mecánica de funcionamento da man dos seus artífices: a bailarina Nuria Sotelo, recente premio ao Desenvolvemento Rural outorgado pola Xunta, e o produtor e fotógrafo Rubén Vilanova.

A Casa Vella é, ademais, un dos proxectos seleccionados dentro do programa de aceleración en artes escénicas promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais ao abeiro dos fondos Next Generation EU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do que continuará a súa profesionalización con ferramentas como o uso das novas tecnoloxías ou a formación para mellorar o acceso ao financiamento.  

Así mesmo, ao longo deste ano acometeu a adquisición de distintos materiais e equipos informáticos, audiovisuais e fotográficos a través do fondo tecnolóxico canalizado ás empresas culturais galegas polo mesmo departamento da Xunta.

A Casa Vella

A Casa Vella é sede da compañía Furia Sotelo e, como tal, sérvelle como estrutura permanente e acolle todos os seus traballos de ensaio, creación, produción e difusión. Tamén ofrece de xeito regular formación para o envellecemento activo e saudable e, máis eventualmente, actividades externas como festivais ou xornadas de investigación ou pensamento arredor da danza actual.

As residencias artísticas que presta A Casa Vella inclúen actividades de mediación cultural, obradoiros e mostras abertas ao público. As compañías profesionais residentes fan uso de todos os servizos da casa en réxime de aloxamento e cociña. En paralelo, desenvólvese un ciclo anual de programación cultural con actividades no propio edificio ou en exteriores da contorna, sempre atendendo a disciplinas transversais arredor das artes vivas en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023