O conselleiro do Medio Rural clausurou o proxecto de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural “Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas”

A Xunta defende as permutas como sistema útil para a mobilización voluntaria de terra en zonas con intensa actividade agrogandeira e alto coñecemento da propiedade

Nesta iniciativa de cooperación entre GDR colaboran os da Comarca de Lugo, Pontevedra Norte e Asdecomor, que integra varios concellos do interior da provincia da Coruña

No acto, José González subliñou que as permutas súmanse a outras iniciativas xurdidas ao abeiro da Lei de recuperación da terra, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta

Remarcou que todas estas figuras, xunto coas parcelarias, están permitindo mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia

Puxo en valor a colaboración que prestan os GDR para impulsar estes labores e que a Xunta corresponde con medidas como a recente achega de máis de dous millóns de euros para aplicar unha estratexia de desenvolvemento local na medida Leader

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na clausura do proxecto de cooperación “Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas”, que tivo lugar na Cidade da Cultura. Nesta iniciativa colaboran os tres grupos de desenvolvemento rural (GDR) Comarca de Lugo, Pontevedra Norte e Asdecomor (integra varios concellos do interior da provincia da Coruña). 

Na súa intervención, o titular de Medio Rural puxo en valor este instrumento dentro da “caixa de ferramentas” que proporciona a Lei de recuperación da terra agraria, unha norma que definiu como “toda unha chave mestra” nesta materia. Así, subliñou que as permutas súmanse a outras iniciativas amparadas por este texto legal, como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

Centrándose nas permutas, o conselleiro lembrou que en febreiro pasado poñía de relevo na localidade luguesa de Friol tres proxectos de reestruturación da propiedade mediante esta ferramenta. Na mesma liña, salientou que estas iniciativas están predispostas para a súa implantación en áreas onde a presión sobre a terra é alta debido a existencia de múltiple actividade agraria, sobre todo, gandeira.

Libre acordo entre propietarios

Ademais, José González salientou que estas permutas –declaradas de especial interese agrario– facilitaron a mobilización de arredor de 400 hectáreas nese mesmo concello lucense e que son froito do libre acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio. Así mesmo, fixo fincapé en que todo este proceso faise de xeito consensuado, bilateral e recíproco, porque, ante todo, “estas son características básicas na materialización desta ferramenta”, remarcou. Por todo o dito, trasladou o conselleiro, a posta en marcha desta figura non só tivo como consecuencia unha mellora da estrutura das propiedades agrarias, senón que tamén serviu de punto de referencia para estudar a idoneidade de implantar este sistema noutras zonas de Galicia. Así, entre os concellos nos que se prevé actuar atópanse, ademais do de Friol, os de Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes.

A maiores, José González incidiu na idoneidade das permutas para mobilizar terras en zonas con características diferentes, nas que non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario nin necesidade de máis infraestruturas viarias. Áreas, ademais, todas elas marcadas por unha fortísima actividade gandeira (sobre todo, de gandaría de leite), engadiu.

Neste contexto, o conselleiro reafirmou a aposta da Xunta pola recuperación da terra agraria e destacou que as figuras da devandita lei, xunto coas parcelarias, están permitindo mobilizar arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia. Así, fixo fincapé en que entre 2020 e o que vai de 2023 rematáronse un total de 29 parcelarias na nosa comunidade, que abarcaron unha superficie de máis de 19.500 hectáreas, beneficiando máis de 14.000 persoas, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade.

En canto ás figuras da Lei de recuperación propiamente ditas, o conselleiro anunciou que en breve rematarán os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo –que xa suman 21–, completando o desenvolvemento de actividade agrogandeira na súa totalidade. Do mesmo modo, González avanzou que en 2024 aprobaranse os pilotos dos plans de dinamización de catro destas aldeas e que se porán en marcha os primeiros espazos agrarios de experimentación, nos que os mozos emprendedores poderán facer uso das instalacións e “probar” as súas ideas de negocio con todas as garantías.

Primeiros polígonos

En parecidos termos, o conselleiro recordou que actualmente están en diferentes fases de execución un total de 26 polígonos agroforestais e subliñou que no vindeiro ano poranse en funcionamento os primeiros -licitándoos para aluguer ou venda-. Reiterou, ademais, o compromiso da Xunta de axilizar estes procesos o máximo posible.

Como grandes obxectivos de todas estas actuacións, José González falou de recuperar terra, mellorar a estrutura territorial da nosa comunidade e favorecer a rendibilidade das explotacións galegas, demandantes de máis e mellor base territorial.

Para a materialización de todas estas figuras de mobilización, o conselleiro puxo en valor a colaboración que prestan os grupos de desenvolvemento rural, unha cooperación que ten a súa contrapartida por parte da Xunta, con medidas como a recente achega aos GDR de máis de dous millóns de euros para aplicar unha estratexia de desenvolvemento local na medida Leader.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023