Xosé Merelles agradece ás axencias de viaxe a súa contribución no reforzo da competitividade do destino

O director de Turismo de Galicia participa no acto de integración da asociación provincial de Pontevedra na Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI)

A entidade autonómica pasa a contar agora con máis de 100 socios e máis de 120 puntos de venta “co que se fará máis forte a representatividade do sector”, destaca
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na axencia de viaxes compostelana Tee Travel no acto de integración da Asociación Provincial de Axencias de Viaxe da Provincia de Pontevedra (AVIPO) na Asociación Galega de Axencias de Viaxe (AGAVI), coa que a entidade autonómica suma agora máis de 100 socios e máis de 120 puntos de venda en toda Galicia.

Xosé Merelles agradeceu ás axencias a súa “importante contribución a facer de Galicia un destino máis competitivo”, un traballo, engadiu, que se verá reforzado tras a alianza acadada hoxe entre as dúas entidades. “Farase máis forte e representativo o traballo dos profesionais das axencias de viaxe que é tamén clave no modelo turístico galego”.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia -que estivo acompañado polo presidente de Agavi, Juan Antonio Rivadulla; a presidenta de Avipo, Mar Rodríguez, e pola deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro- puxo de manifesto a “estreita colaboración” levada a cabo entre a Xunta de Galicia e as axencias de viaxe nos últimos anos para contribuir a mellorar e reforzar os servizos turísticos de Galicia.

Importante no modelo turístico

Como recordou, durante a pandemia o Goberno autonómico tivo moi en conta as consecuencias que a crise sanitaria traería tamén as axencias, polo que se levaron a cabo acción especiais que se centraron en colaborar cos gastos que supuña o peche completo da súa actividade.

“E agora continuamos apoiándoos con axudas para a posta en marcha de paquetes turísticos e facendo partícipes ás axencias nalgúns productos en marcha como o Bono Turistico ou Xacobeo Xove”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023