A Xunta inviste 1,4 M€ para formar este ano preto de 2.700 persoas nos sectores do metal e das enerxías renovables

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na Cidade da Cultura na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector do metal e das enerxías renovables
 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén convenios de colaboración cos clústeres do metal (Asime) e das enerxías renovables (Cluergal), entre outros, para contribuír a axustar a formación dos traballadores cos perfís que están a demandar as empresas
 

Puxo en valor os máis de 117 millóns do novo Plan galego de formación para o emprego para 2024, o impulso da Rede de centros asociados de formación ou as accións formativas de curta duración e flexibles orientadas á mellora das oportunidades laborais
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na mesa Retos da formación para o emprego: falando co sector do metal e das enerxías renovables organizada pola Xunta para visibilizar a formación para o emprego que se está a impulsar nestes dous sectores, así como para trasladar ás empresas as iniciativas postas en marcha neste ámbito. Neste senso, a directora xeral destacou que tras a ampliación do investimento en agosto dos convenios de colaboración que a Xunta mantén, entre outros, cos clústeres das enerxías renovables (Cluergal) e o do metal (Asime), nestes dous ámbitos formaranse a preto de 2.700 alumnos a través de 117 cursos grazas a un orzamento próximo aos 1,4 millóns de euros: 1.671 alumnas e alumnos no metal e un milleiro nas enerxías renovables.

O obxectivo desta iniciativa é contribuír a axustar a formación dos traballadores cos perfís que están a demandar as empresas, o que permitirá o incremento da competitividade do tecido produtivo de Galicia.

Zeltia Lado puxo de relevo que os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para 2024 destinan á área de Formación para o Emprego e Orientación máis de 232 millóns de euros, dos que máis de 117 millóns se destinarán ao novo Plan galego de formación para o emprego, un 12,9% máis ca este ano. Con este importe, entre outras, levaranse a cabo dúas iniciativas novidosas: a creación dun centro de formación especializado na Cidade das TIC da Coruña e o impulso da Rede de centros asociados de formación para o emprego. 

A directora xeral salientou que -no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego- tamén se avanzará en 2024 na colaboración cos clústers, destinando 4,6 millóns de euros a convenios con estas entidades para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. Nesa liña, a Xunta seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que se avoga en Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2023