A Xunta destina máis de 400.000€ á adquisión de equipamento de emerxencias para 86 agrupacións de voluntarios de Protección Civil

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes con agrupacións de voluntarios de Protección Civil

Cederanse 8 remolques e 20 tendas de campaña para a atención ás emerxencias, así como 21 kits de ferramentas eléctricas, outros 21 de material loxístico para a seguridade viaria e 16 de material para actuacións no medio acuático
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Resultaron beneficiarios 86 colectivos, 26 da Coruña, 9 de Lugo, 28 de Ourense e 23 de Pontevedra, doutros tantos concellos ou mancomunidades.

A Xunta investirá máis de 400.000 euros nesta liña de subvencións para a cesión de 8 remolques, 20 tendas de campaña para a atención ás emerxencias e 21 ferramentas eléctricas, así como 21 kits de material loxístico para a seguridade viaria e 16 de material para actuacións no medio acuático.

As entidades locais beneficiarias ás que, a través desta resolución, se lles concede o equipamento solicitado terán de prazo dez días hábiles desde a recepción da comunicación da resolución favorable para aceptar ou renunciar á subvención. O prazo estimado para a sinatura da acta de cesión do material será de tres meses desde a súa recepción.

Pese a que os servizos de emerxencias son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación- a Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias dos concellos. Así, lévanse investidos 26 millóns de euros en material, dos que máis de 14 foron para equipar as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e a contía restante os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). 

A Xunta de Galicia tamén apoia as agrupacións de voluntarios a través dunha cantidade destinada a sufragar os seus gastos de funcionamento con 340.000 euros anuais. No caso dos GES e dos consorcios provinciais de bombeiros e salvamento, a Administración autonómica asume máis da metade do seu custo anual de mantemento.

Data de actualización: 11/12/2023