Alfonso Villares pon en valor a necesidade de coidar os ecosistemas mariños na inauguración da exposición fotográfica Azores somerxida

Cervo (Lugo), 8 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu á inauguración da exposición fotográfica ‘Azores somerxida’ do biólogo, fotógrafo e naturista cervense Anxo Cao na Casa da Cultura de San Cibrao. No acto, o autor das instantáneas tamén realizou unha charla sobre as súas experiencias e o seu traballo nestas illas atlánticas en viaxes de avistamento de cetáceos.

O titular de Mar destacou a beleza das imaxes e puxo en valor a necesidade de continuar traballando na protección e conservación dos ecosistemas mariños de xeito compatible co desenvolvemento doutras actividades económicas como a pesqueira. Unha labor, dixo, na que atópase comprometido tanto o goberno galego como o conxunto do sector marítimo pesqueiro co obxectivo de facer do mar de Galicia unha fonte de riqueza presente e futura.

Na mostra os visitantes poderán atopar 22 fotografías, froito do traballo como biólogo de Cao nestas illas lusas, nas que os animais mariños como as tartarugas, os tiburóns balea ou os cachalotes son os protagonistas absolutos. A posición xeográfica do arquipélago no océano Atlántico, no medio das rutas migratorias de moitos cetáceos foi o que fixo que ata 1985 unha das actividades económicas principais fora a caza de cachalotes.

Na actualidade, os empregados desta pesqueira traballan no ámbito turístico atendendo aos milleiros de visitantes chegados de todo o mundo polo perfil volcánico e abrupto e as súas profundas augas preto do litoral que fai que este sitio sexa único para a observación destes animais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/12/2023