A Xunta destaca a colaboración coa Rede veciñal contra os malos tratos de Vigo para que as vítimas da violencia de xénero reciban acompañamento

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo un encontro con esta entidade coa que colabora desde o ano 2017

Puxo en valor o apoio no eido social, xudicial, laboral e psicolóxico a estas mulleres que se presta a través dun convenio anual referendado en 2023

No mesmo marco realízanse intervencións cos menores vítimas desta lacra

Vigo, 8 de decembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo unha xuntanza coa asociación Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, entidade coa que a Xunta colabora con accións de apoio ás vítimas da violencia de xénero e que inciden na prevención.

A secretaria xeral puxo en valor os cinco eixos que artellan a colaboración deste departamento coa entidade no apoio a mulleres que padecen violencia de xénero e que se concretan en: acompañamento social, concienciación e prevención, formación, recuperación psicosocial e reincorporación laboral.

Neste sentido, grazas ao apoio da Xunta, garántese acompañamento a todos os trámites que precisen as vítimas, de carácter legal, xudicial e policial, asistencia a puntos de encontro, recollida de pertenzas, acompañamento individualizado na busca de emprego, información, orientación e asesoramento socio-laboral.

Vázquez quixo destacar a atención psicolóxica individualizada que ofrece a asociación ás mulleres usuarias que a soliciten ou por derivación doutras persoas implicadas no proxecto.  

Estas accións complétanse con outras enfocadas na prevención como xornadas de formación ou encontros para potenciar as relacións non formais entre mulleres e a súa participación social.

Outro dos aspectos que subliñou a secretaria xeral tras a reunión garda relación coa intervención que grazas ao apoio da Xunta, a Rede de mulleres está a realizar con menores vítimas de violencia.

A Xunta de Galicia leva colaborando coa Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo de xeito ininterrompido desde o ano 2017, tendo destinado máis de 100.000 euros no período aos apoios para que desenvolva estas accións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/12/2023