Aprobadas cinco novas convocatorias de concerto social para garantir a atención especializada a persoas con discapacidade

O presidente salienta que se destinarán máis de 100 M€ ao ano a garantir a continuidade dos servizos que reciben máis de 5000 usuarios
 

Resalta que o Consello deu luz verde ao concerto nos eidos da discapacidade intelectual, fisica, o trastorno do espectro autista, a parálise cerebral e a enfermidade mental
 

Súmanse ao destinado á atención a persoas con dano cerebral que se aprobou hai unhas semanas
 

Destaca que grazas a esta medida “se consolida a rede pública” de recursos para as persoas con discapacidade e se evita que os usuarios “teñan que percorrer longas distancias” para acceder a unha praza pública

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que o Consello deu hoxe luz verde a cinco novos concertos sociais para a atención diúrna e residencial nos eidos da discapacidade intelectual, física, o trastorno do espectro autista, a parálise cerebral e a enfermidade mental, que se suman ao xa aprobado o mes pasado para os coidados a persoas con dano cerebral adquirido. 

Rueda salientou que, coa tramitación destes concertos, o Goberno galego cumpre co acordo asinado coas entidades o pasado 20 de novembro “para garantir a continuidade dos servizos que reciben máis de 5000 usuarios” e que xestiona o terceiro sector. Para iso, tal e como resaltou o presidente, a Xunta destinará “máis de 100 millóns de euros” ao ano ao concerto social. Cada un destes concertos terá catro anos de duración e poderase prorrogar ata un máximo de dez anos.  

En concreto, as prazas que se convocan en cada un destes concertos sociais son as seguintes: 33 prazas especializadas nos coidados a persoas que sofren enfermidades mentais; 257 para persoas con trastorno do espectro autista (TEA); outras 258 para persoas con discapacidade física; 293 para a atención a persoas con parálise cerebral e 4.050 prazas para a atención de persoas con discapacidade intelectual. 

Rueda fixo fincapé en que a través dos concertos sociais consolídase a rede pública de recursos para atender persoas con discapacidade, evítase que os usuarios “teñan que percorrer longas distancias para acceder a unha praza pública” e dáse “unha maior estabilidade ás entidades” para que poidan manter no tempo servizos que son fundamentais para este colectivo. Precisamente, apuntou que este obxectivo era o “máis necesario e demandado” polas entidades sociais.  

A convocatoria destes concertos publicarase nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) e prevese que os concertos coas entidades entren en vigor en marzo do vindeiro ano. Salientar, ademais, que se incrementa nun 30% o investimento con respecto aos contratos actuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2023