A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as Aldeas de Nadal, en Lalín

A Xunta avoga por desfrutar dun Nadal sostible cun consumo responsable e coa reciclaxe dos residuos

Ángeles Vázquez pon en valor que sinxelos, pero fundamentais xestos, como o de separar correctamente os residuos por tipoloxía e depositalos no contedor correspondente, son claves para avanzar cara a un futuro máis sustentable

Lalín (Pontevedra), 8 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou hoxe por desfrutar dun Nadal sostible, a través dun consumo responsable e da reciclaxe dos residuos, tanto nos fogares como nos lugares de celebración destas festas.

Durante unha visita ás Aldeas de Nadal instaladas no Concello de Lalín, a vicepresidenta segunda insistiu na necesidade levar a cabo “prácticas respectuosas” como a reutilización dos antigos adornos.

A maiores, no caso de obxectos que non poden ser reutilizados, a vicepresidenta segunda avogou por unha correcta reciclaxe dos mesmos. Así, puxo como exemplo que os envoltorios e envases de plástico deben ir ao contedor amarelo, mentres que os de papel e cartón hai que depositalos no azul.

Ángeles Vázquez puxo en valor que sinxelos, pero fundamentais xestos, como o de separar correctamente os residuos por tipoloxía e depositalos no contedor correspondente, son claves para acadar unha boa xestión e avanzar cara a un futuro máis sustentable. O obxectivo fundamental é reducir a pegada ecolóxica destas celebracións “tanto na nosa casa como nos lugares que visitemos con familia e amigos”.

Estes xestos individuais demostran a responsabilidade ambiental da cidadanía e, neste senso, o Goberno galego seguirá a traballar para concienciar aos galegos e galegas da importancia da correcta separación en orixe e posterior depósito nos contedores, para propiciar a transformación en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas.

Nesa liña, co obxectivo de fomentar a cultura da reciclaxe e seguir mellorando a separación en orixe deste tipo de residuos, a Xunta e Ecoembes levan anos traballando xuntos na promoción de campañas e iniciativas para seguir mellorando a separación en orixe deste tipo de residuos e facilitar a recuperación de envases en eventos e acontecemento que congreguen unha grande afluencia de persoas.

De feito, a campaña Separar con Xeito estivo presente en máis de 1.400 eventos en Galicia dende 2018. Ao longo deste ano, 120 feiras e eventos gastronómicos, festivos, musicais e culturais contaron con papeleiras amarelas e azuis para facilitar a correcta separación dos residuos que se xeran durante esas celebracións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/12/2023