Xosé Merelles salienta o interese do Nadal galego, que suma desde hoxe o Belén da Catedral de Santiago na Igrexa de San Agostiño

O director de Turismo de Galicia participa na apertura deste nacemento que é do templo catedralicio, coa colaboración da Xunta de Galicia, e que este ano estará novamente aberto para a súa visita nesta igrexa ao carón do Mercado de Abastos

É de estilo napolitano, conta con máis de 500 figuras artesanais e moitas delas teñen automatismos que permiten darlle movemento a varias escenas

 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que este ano estará exposto para a súa visita na Igrexa compostelana de Santo Agostiño. No acto co deán da Catedral de Santiago José Fernández Lago, Xosé Merelles salientou o crecente interese polo Nadal galego e o seu valor turístico, con propostas lúdicas e de lecer nos distintos concellos galegos.

O Belén está realizado en estilo napolitano e conta con arredor de 500 figuras realizadas de xeito artesanal e moitas delas con automatismos que permiten darlle movemento. Con preto de 50 m2, este ano repite ubicación na Igrexa de Santo Agostiño, importante templo compostelán situado ao carón do Mercado de Abastos. O nacemento é da Catedral de Santiago, coa colaboración de Turismo de Galicia.

Poderase visitar ata o próximo 8 de xaneiro e forma parte das distintas accións que aglutina ‘Nadal en Galicia’, o produto de promoción de Turismo de Galicia que inclúe diferentes propostas que se celebran nas catro provincias coa que a Xunta convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén nestas datas.

Nadal en Galicia

Están tamén o Belén Artesanal de Valga e o de Begonte, ambos declarados de interese turístico, así como destacados nacementos nas catro provincias, mercados navideños, distintas opcións de lecer familiar, así como grandes espectáculos como OVO, do Circo do sol, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia que se celebrará en xaneiro, así como visitas guiadas especiais ou a iluminación que levará a cabo o Goberno autonómico en distintos monumentos e espazos patirmoniais do Camiño de Santiago.

‘Nadal en Galicia’ inclúe a edición dunha guía na web de Turismo de Galicia e enmárcase no compromiso por desestacionalizar a actividade turística e facer de Galicia un destino atractivo en distintos momentos do ano coa intención de repartir temporal e xeográficamente a chegada de viaxeiros e tamén os beneficios económicos que supón.

Data de actualización: 07/12/2023