A Xunta apoia con preto de 160.000 euros a mellora dos parques empresariais de Vilar do Colo e As Somozas

A delegada territorial, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos de acondicionamento de dúas vías que o Concello de Cabanas acometeu no polígono Vilar do Colo grazas a unha achega de 48.000 euros

Cabanas (A Coruña), 7 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia inviste preto de 160.000 euros en axudas para a mellora dos parques empresariais de Vilar do Colo e As Somozas. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, supervisou esta mañá o resultado dos traballos de acondicionamento dos accesos ao polígono industrial.

As obras, que contaron cunha achega da Consellería de Economía, Industria e Innovación de 48.000 euros, consistiron no acondicionamento do firme e da sinalización das rúas Mareira e Mariñasol ambas situadas no polígono de Vilar do Colo.

Pola súa banda, o Concello de As Somozas resultou beneficiario doutra axuda de 110.835 euros para a pavimentación da vía principal de acceso ao parque empresarial.

As axudas están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Segundo indicou a delegada territorial, a última, da que se beneficiaron os dous concellos da comarca -ambos Concellos Emprendedores- foi a actuación máis demandada.

Esta liña de axudas complementa as medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilitades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2023