A Xunta reivindica o impacto turístico dos concertos que apoia con case 2 millóns de participantes nos últimos dous anos

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, responde no Parlamento de Galicia unha pregunta sobre o patrocinio do concerto de Muse na cidade de Vigo
 

Recordou que esta forma de contratación é “unha ferramenta habitual e totalmente legal” que “empregan moitas outras entidades en reiteradas ocasións”
 

Salienta que a figura do patrocinio, a través das desgravacións fiscais, fixo que máis de 40 empresas achegasen unha cantidade superior aos 28M€ para distintos eventos
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reivindicou hoxe no Parlamento de Galicia o importante impacto turístico que acadan os concertos que vén apoiando o Goberno autonómico ao longo de todo o territorio “cunha repercusión social e económica importante e a participación nos últimos dous anos de case 2 millóns de participantes”.  

Xosé Merelles fixo estas declaracións no Pazo do Hórreo no marco dunha pregunta parlamentaria sobre o apoio ao concerto de Muse na cidade de Vigo en 2022. Como recordou realizouse baixo patrocinio, como, engadiu, así está publicado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. Indicou, ademais, que o patrocinio é “unha ferramenta habitual e totalmente legal, da que son varias as entidades que teñen empregado en reiteradas ocasións como ferramenta de contratación”.  

Recordou que o concerto de Muse no estadio de Balaídos no ano 2022, obtivo un importante retorno, “coa expectación de contar con espectadores chegados do resto de España, Portugal e outros países, con toda as entradas vendidas desde o primeiro momento, o que repercutiu moi positivamente tanto nos aloxamentos, como nos establecementos de restauración e hostalaría da cidade de Vigo e da súa comarca”. 

Como dixo, durante o Xacobeo 21-22 a promoción de acontecementos deste tipo fixo posible “desestacionalizar o efecto do Xacobeo durante todo o ano e por toda Galicia”. Engadiu, ademais que, a figura do patrocinio “logrou, grazas ás desgravacións fiscais, que moitas empresas puxeran o foco na colaboración coa Xunta nestes grandes eventos. De feito, máis de 40 empresas achegaron no seu conxunto unha cantidade superior aos 28M€ para estes eventos”, aseverou.

 

Data de actualización: 07/12/2023