O repique de campás na catedral e en varias igrexas de Santiago abre mañá a semana do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade

En colaboración coa Asociación Campaneiros de Galicia, realizarase esta homenaxe sonora co toque das campás de cara ao mediodía
 

Tamén mañá domingo pola noite se estreará a iluminación especial da Torre do Reloxo, a Berenguela, que permanecerá toda a semana
 

Durante os vindeiros días sucederanse distintas actividades, como unha exposición o martes ou un concerto de música sacra o mércores na Igrexa de San Martiño Pinario
 

O acto central será o sábado 16 coa participación de investigadores e expertos da ruta xacobea que afondarán no urbanismo, sostibilidade, patrimonio, políticas públicas ao redor do Camiño en distintas mesas de debate

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2023

A programación conmemorativa da Xunta de Galicia polo 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade arranca mañá domingo ao medio día, a partir das 11,30 horas, cunha acción especial que se deixará sentir na cidade de Santiago de Compostela. En colaboración coa Asociación Campaneiros de Galicia farase soar as campás da Catedral de Santiago de Compostela, así como as de varias iglexas do casco histórico e da Colexiata de Sar para recordar que xusto 30 anos antes a UNESCO lle outrogou ese recoñecemento a este itinerario Xacobeo. 

As celebracións continuarán o domingo pola tarde, cando, ao anoitecer, a Torre do Reloxo, a Berenguela, estree tamén a nova iluminación conmemorativa que estará todas as noites da vindeira semana acendida en recordó desta data. 

A programación seguirá durante toda a semana que vén, cando o martes se inaugure no Museo das Peregrinacións e de Santiago a exposición Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago, comisariada por Francisco Singul, que contará con actividades complementarias para público infantil cun xogo a modo de scape room virtual do 12 ao 17 de decembro, para o que as persoas interesadas poden apuntarse no correo vexoveoxacobeo@gmail.com 

Concerto gratuito o mércores

O mércores, a Igrexa de San Martiño Pinario acollerá un concerto aberto ao público para escoitar música do Códice Calixtino e as Cantigas de Santa María de Afonso X. Interpretado polo grupo Malandança e dirixido por Francisco Luengo, realizarase un programa de música sacra dos séculos XII e XIII vinculada coa peregrinación. Será un concerto gratuíto ás 19,00 horas. A retirada previa de entradas  xa se pode realizar na Oficina do Peregrino de Carretas e na Oficina de Turismo de Galicia situada na Casa do Deán.

O xoves 14 presentarase o libro Cronoloxía Xacobea, unha visión de conxunto das peregrinacións compostelanas, de autoría do escritor Manuel F. Rodríguez e o venres 15 e sábado 16 será a quenda da reflexión e xornadas académicas. Así, o venres 15 reunirase o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, órgano asesor da Xunta de Galicia composto por recoñecidos estudiosos de distintos países e presentaranse as actas do XII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, a publicación máis importante sobre o Camiño de Santiago dos últimos anos polo nivel de investigación e novas achegas.

O sábado 16 será o acto central da efeméride, onde está prevista a presenza de rexedores e representantes da Asociación de Municipios de Camiño de Santiago, así como dos rexedores galegos dos concellos polos que pasan camiños xacobeos de Galicia, asociacionismo e o mundo académico vinculado coa ruta xacobea. Haberá mesas redondas para afondar no Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas. O urbanismo, a sustentabilidade, o patrimonio, as políticas públicas, a arte, a historia con mesas redondas cun salientable espírito europeísta, que permitirán repasar estas tres décadas e reflexionar sobre o futuro.

Contarase, entre outros, con persoas que viviron de preto aquel momento do ano 1993, como Víctor Vazquez Portomeñe. Tamén co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo ou Javier García Turza, profesor titular de Historia Medieval da Universidade de La Rioja e membro do Comité Internacional de Expertos, así como representantes das principais asociacións e hospitaleiros voluntarios, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2023