Alfonso Villares enxalza os 45 anos de unión, igualdade e estabilidade propiciados por unha Constitución á que Galicia declara a máxima lealdade

Lugo, 6 de decembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enxalzou os 45 anos de unión, igualdade e estabilidade propiciados por unha Constitución española á que Galicia declarou e declarará sempre a máxima lealdade. Así o quixo trasladar o representante autonómico co gallo da súa participación no acto institucional de conmemoración do 45 aniversario da Carta Magna, que se celebrou no salón de actos da sede da Subdelegación do Goberno en Lugo.

O titular de Mar quixo poñer en valor o marco de entendemento que se acadou neste preto de medio século en torno a unha Constitución que contribuíu a construír unha España máis forte, e dentro dela, unha Galicia máis próspera e desenvolvida en todos os ámbitos, incluído o marítimo-pesqueiro. Aproveitou tamén para defender que a lei do litoral de Galicia, levada ao Tribunal Constitucional polo Executivo central, se desenvolveu dentro do marco competencial que faculta o Estatuto de Autonomía galego, algo que, considera, deixarán ben claro as alegacións que elevará a Xunta de Galicia neste procedemento. O mesmo que se lle permite ao País Vasco en materia de xestión das súas costas non se lle pode impedir a Galicia, considerou. En cambio, sinalou que non se poden explicar ataques frontais contra a Carta Magna como a que supón a Lei de Amnistía, que ven a rachar coa igualdade de tódolos españois ante a lei.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2023