A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta tarde no Parlamento de Galicia

A Xunta denuncia os cinco anos perdidos do Goberno de España co AVE por Cerdedo, que carece de planificación e investimentos para materializarse

Vázquez Mourelle lamenta que o novo ministro de Transportes “se siga parapetando tras o comodín da necesidade dun novo estudo”

Critica o desinterese do Goberno pola variante de Cerdedo, ao consignar nos Orzamentos Xerais de 2023 tan só 225.000 € e non incluír previsións plurianuais

Fai fincapé na falta de compromiso do Executivo coa liña de AVE Vigo-Porto-Lisboa, mentres o Goberno luso avanza na planificación e xa puxo data á conexión

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A Xunta denuncia os cinco anos perdidos do Goberno de España co AVE por Cerdedo, que carece de planificación e investimentos para materializarse.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou no Parlamento que este proxecto está hoxe exactamente no mesmo punto no que estaba hai cinco anos, é dicir, en estudo.

 

Neste sentido, lamentou que o novo ministro de Transportes “siga parapetándose tras o comodín da necesidade dun novo estudo”.

 

Criticou que o desinterese pola variante de Cerdedo do Goberno central quedou acreditada nos Orzamentos Xerais do Estado para este 2023, nos que só se consignaron 225.000 € e nos que non se incluíu ningunha previsión plurianual.

 

No que se refire a infraestruturas ferroviarias en Vigo, sinalou que tamén segue pendente a Saída Sur, imprescindible para acadar unha conexión axeitada por alta velocidade con Portugal.

 

Fixo fincapé en que o compromiso do Goberno coa liña de AVE Vigo-Porto-Lisboa dista moito de ser o axeitado. Fronte a este desleixo do Executivo estatal, puntualizou que o Goberno luso xa puxo data á conexión, prevéndoa para o ano 2030.

 

Indicou que este proxecto é un dos moitos que o Goberno central ten pendentes con Galicia, como o caso dos trens AVRIL, sobre os que a día de hoxe non hai información oficial sobre cando van entrar en funcionamento, cantos e as frecuencias a disposición para conectar as cidades galegas con Madrid.

 

Lembrou que o Executivo segue demorando infraestruturas determinantes para beneficiarse do AVE en todo o territorio. Citou como exemplo que a alta velocidade chegou a Ourense, pero aínda non está listo o proxecto para acometer a parte ferroviaria da estación intermodal.

 

A titular de Infraestruturas incidiu nas incertezas sobre a execución da Variante Exterior de Ourense, xa que agora os trens de alta velocidade acceden á cidade a través da vía de ferrocarril convencional, na que se executou unha obra de adaptación que o Goberno cualificou como provisional.

 

Lamentou que o AVE a Lugo está condenado a non chegar, pois a decisión de non actuar sobre o trazado e a eliminación das variantes dos Peares e de Rubián nas obras de modernización que se están a acometer na liña Ourense-Lugo imposibilitan reducir de xeito significativo os tempos de viaxe actuais.

 

Ethel Vázquez sumou a demora na intervención na liña A Coruña-Ferrol, onde segue pendente a redacción do proxecto do baipás de Betanzos e na que non se prevé a execución de ningunha obra.

 

Ademais reclamou ao Goberno unha solución urxente para os retrasos e as incidencias continuas nos servizos ferroviarios convencionais, que se suman aos problemas derivados da falta de frecuencias e prazas.

 

Tamén instou ao Executivo estatal á recuperación de toda a oferta ferroviaria existente antes da pandemia, xa que actualmente hai unha media de 30 conexións menos ao día.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023