A conselleira de Infraestruturas lembrou hoxe no Parlamento que a Xunta segue agardando a resposta á proposta trasladada a principios de novembro para avanzar na ordenación de toda a contorna

Ethel Vázquez urxe ao Concello de Santiago a presentar a súa alternativa para a integración urbana e a dotación de aparcadoiro no hospital clínico

Vázquez Mourelle fai fincapé na necesidade de que o Concello se impllque na integración urbana do hospital clínico na cidade, xa que ten as competencias en materia de urbanismo e mobilidade

Lembra que a proposta feita pola Xunta ao Concello de Santiago é similar á acordada cos Concellos da Coruña e de Pontevedra

Sinala a necesidade de execución de actuacións de humanización e de creación dun aparcadoiro dentro do ámbito hospitalario con 1.000 prazas, cun custo aproximado de 18 M€, dos que o Concello só tería que achegar 4,3 M€, un 4 % do total

Apunta que é contraditorio que o Concello de Santiago se negue a contribuír á integración urbana do hospital cando si achegou 3,3 M€ ao financiamento da intermodal, que dá servizo qa toda Galicia

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, urxiu hoxe ao Concello de Santiago a presentar a súa alternativa para a integración urbana e a dotación de aparcadoiro no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Vázquez Mourelle defendeu hoxe no Parlamento autonómico que non é posible definir a integración urbana do Hospital Clínico na cidade sen a implicación do Concello de Santiago porque, tal e como subliñou, é a administración local a que ten as competencias en materia de urbanismo e de mobilidade.

Ethel Vázquez sinalou que a Xunta segue agardando a que o Concello de Santiago responda á proposta de colaboración  trasladada a principios de novembro polo Goberno galego para avanzar na ordenación de toda a contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago e resolver os problemas estruturais de aparcadoiro existentes.

A conselleira remarcou que a proposta de colaboración ofrecida pola Xunta segue o modelo do que están a facer os Concellos da Coruña e de Pontevedra nos respectivos hospitais e lembrou que, en ningún dos dous casos, se puxo como escusa que a área de cobertura deses hospitais vai máis aló da poboación das localidades nas que se sitúan, como está a argumentar o Concello de Santiago. Mentres, dixo, parece que para o Concello de Santiago ter o hospital, en vez dun motivo de orgullo e de referencia, é un lastre.

A conselleira referiu que o Concello da Coruña achega 22,2 M€ para contribuír á sanidade pública e á construción do Novo CHUAC, mentres que o Concello de Pontevedra participa na construción do Novo Montecelo achegando 11 M€. 

Seguindo este modelo, e tras realizar o estudo de mobilidade ao que se comprometeu, a Xunta ofreceulle ao Concello de Santiago un marco de colaboración para traballar xuntos a prol da mellor integración urbana do Hospital Clínico, en cuxa obras de modernización e ampliación o Goberno galego está a investir 110 M€.

Ethel Vázquez referiuse ás actuacións previstas de humanización e á creación, dentro do ámbito hospitalario, dun aparcadoiro de 1.000 prazas que contribuirá a resolver o grave problema de estacionamento existente nestes momentos.

Precisou que a execución destas actuacións terá un custo aproximado de 18 M€ dos que, segundo subliñou a conselleira, a Xunta propón que o Concello achegue unicamente 4,3 M€, só o 4 % do investimento necesario.

A conselleira incidiu  en que é contraditorio que o Concello de Santiago se negue a contribuír á integración urbana do hospital cando si achegou 3,3 M€ ao financiamento da estación intermodal, xunto coa Xunta e con Adif, que máis alá de Santiago e dos municipios da contorna, dá servizo a toda Galicia.

Considerou que se o Concello se implicou na execución da intermodal, con máis razón se debe implicar na integración urbana do hospital, que é un equipamento estratéxico e de referencia para a cidade.

A conselleira insistiu na urxencia de que o Concello de Santiago presente unha proposta alternativa, “se é que a ten”, para a integración urbana do hospital clínico e para dotalo das prazas de aparcadoiro necesarias, xa que se trata, dixo, dunha infraestrutura clave para a cidade que non admite máis demoras, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023