A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu no pleno do Parlamento unha interpelación sobre a vivenda

Galicia defende que as decisións no eido da vivenda se baseen en estudos rigorosos da situación do mercado

A Xunta ultima un informe sobre os prezos dos alugueiros e o esforzo económico que realizan as familias neste eido para a súa presentación proximamente no seo do Observatorio Galego da Vivenda

Ángeles Vázquez salienta que estas análises reforzan decisións como a adoptada polo Executivo galego de non declarar de oficio zonas tensionadas, referendada por un informe do Banco de España e pola Comisión Galega da Competencia

O Goberno galego optou por introducir unha modificación na lei de medidas para permitir que os concellos poidan declarar zonas tensionadas se o acreditan con rigor técnico e contan co aval dunha mesa sectorial, corrixindo así un dos baleiros provocados pola falta de dilixencia do Goberno central no deseño da súa norma

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2023

A Xunta analiza de xeito constante a situación do mercado da vivenda en Galicia e considera fundamental que a adopción de decisións neste eido estean avaladas por estudos rigorosos sobre a súa evolución para atender axeitadamente as necesidades da cidadanía. Nesta liña, o Executivo galego está a ultimar un informe sobre os prezos dos alugueiros e da compravenda de vivenda, así como do esforzo que realizan neste ámbito as familias nas distintas zonas, que presentará proximamente no Observatorio Galego da Vivenda.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou na súa resposta a unha interpelación parlamentaria que este tipo de análises son fundamentais para fixar políticas responsables de vivenda e reforzar decisións como a adoptada polo Executivo galego de non declarar de oficio zonas tensionadas no mercado residencial. 

A representante da Xunta salientou que a declaración destas zonas sensibles é unha das cuestións que o Goberno central introduciu na lei estatal de vivenda e que Galicia rexeita por considerala errada. De feito, engadiu, hai experiencias previas noutros países europeos que non acadaron os resultados desexados volvéndose incluso en contraproducentes.

Ángeles Vázquez tamén lembrou que así o recolle un estudo do Banco de España que destaca que os topes ao alugueiro fan que unha parte das vivendas pasen ao alugueiro de vacacións e outras se poñan á venda. 

A vicepresidenta segunda lembrou que na mesma liña se manifestou a Comisión Galega da Competencia en 2022 cando sinalou que este tipo de medidas son claramente ineficientes para facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar. Ademais advertía de que a limitación dos prezos do alugueiro pode ser unha intervención contraria ás leis da competencia producindo efectos perversos.

Entre eles, a existencia de menos vivendas dispoñibles para o alugueiro mentres a demanda segue sendo a mesma ou incluso medra. “Non se soluciona ningún problema senón que mesmo se agrava”, aseverou a representante da Xunta. 

Normativa estatal

Nesta liña, o Executivo galego sempre dixo que non declararía de oficio zonas tensionadas, pero que non vai ser un obstáculo para que se declaren naqueles concellos que as desexen sempre que o acrediten con datos e criterios técnicos.

De feito, a Administración galega introduciu na lei de medidas unha emenda á Lei de Vivenda de Galicia para clarificar a lei nacional polo dereito á vivenda pois é moi imprecisa e non establece o procedemento a seguir. A finalidade é que os concellos fundamenten co máximo rigor técnico a súa petición de declaración de zonas tensionadas ao tempo que se establece a constitución dunha mesa sectorial -con presenza dos colexios profesionais, administradores de fincas, axentes inmobiliarios e promotores- na que se analizarán as propostas municipais para aprobalas co maior consenso posible.   

Nesta liña, Ángeles Vázquez lamentou a falta de dilixencia do Goberno central nalgúns aspectos da súa lei de vivenda como que aínda non aprobase o sistema de índice de prezos de referencia, imprescindible para declarar zonas de mercado tensionado e que sexan aprobadas pola Administración central.

A vicepresidenta segunda incidiu en que esta é unha máis das múltiples eivas que ten a lei nacional de vivenda, que foi recorrida ante o Tribunal Constitucional por varias comunidades autónomas e sobre a que Galicia está á espera da celebración dunha comisión bilateral para aclarar as cuestións dubidosas e que se escoite á Xunta e a todo o sector galego da vivenda.

A representante do Executivo galego lembrou que a normativa nacional foi tramitada e aprobada unilateralmente polo Goberno central, sen contar coa opinión das comunidades. “Sempre dixemos que esta norma invadía competencias das autonomías, suporía un freo á actividade inmobiliaria e produciría un impacto negativo no mercado de alugueiro. Agardamos que a Administración central rectifique e abra a porta ao diálogo”, concluíu Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023