A Xunta licita as obras de mellora do pavillón polideportivo Monte das Moas por case 850.000 €

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación do proxecto durante á súa visita ás instalacións

O prazo para presentar as ofertar remata o 20 de decembro

A Xunta mantén o seu compromiso coas instalacións deportivas da cidade cun investimento de 2 M€ neste pavillón e nos de Monte Alto, Agra II e Elviña II

O novo contrato de xestión de Elviña I, Agra I e Sardiñeira inclúe a previsión de melloras por valor doutros 5,5 M€
 

A Coruña, 5 de decembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe no pavillón polideportivo Monte das Moas xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, á presentación do proxecto de reforma destas instalacións que vén de licitarse por case 850.000 euros, tal e como se publicou a semana pasada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. As entidades interesadas terán de prazo ata o 20 de decembro.

O arquitecto Juan Tejedor explicou o proxecto redactado por Tejedor y Otero Arquitectos S.L.P. no que se inclúe, entre as actuacións previstas, a reforma da cuberta , a reparación da estrutura, a renovación do pavimento da pista principal, o saneado da envolvente, pintados e alicatados interiores, equipamentos en vestiarios, así como melloras de accesibilidade e nas instalacións de fontanería, ventilación, protección contra incendios e electricidade.

Segundo explicou Diego Calvo o prazo de execución é duns cinco meses de traballo desde a sinatura da acta de replanteo e coa previsión de que as obras empecen en xuño do próximo ano. Deste xeito, case unha vintena de clubs e entidades beneficiáranse destas actuacións para dispoñer destas instalacións axeitadas para a práctica de deporte e actividade física como as integrantes do Club Brincadeira de Patinaxe Artística que esta tarde adestraron no pavillón.

Desta infraestrutura fan uso xunto co club Brincadeira, membros da AMPA do IES Monte das Moas e alumnado deste centro educativo, a Asociación Deportiva Cultural Alquimia in line, Club Balompié Montiño, 5 Coruña Fútbol Sala, Club Deportivo Galicia Rollers, Coruña Roller Derby Irmandiños, As Brigantias Roller Derby , Club de fútbol sala Vikingos Futsal, Escola de buceo club Nauga, Club de fútbol sala Corgal Automóviles KIA Coruña,  Club Baloncesto Parque Europa Dragons, Club Baloncesto Kempape e Asperga.

A reforma prevista neste pavillón de Monte das Moas súmanse ás xa rematadas no de pavillón de Monte Alto o pasado marzo e as que en breve se inaugurarán no Agra II cun investimento de máis de 495.000 euros. Ademais, están pendentes de licitarse os traballos en Elviña II. As actuacións realizadas e que se levarán a cabo nas catro instalacións ascenden a un montante de 2 millóns de euros.

Cómpre lembrar ademais, que o compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas da cidade coruñesa esténdese tamén a outras melloras previstas nos pavillóns de Elviña I, Agra I e Sardiñeira por valor doutros 5,5 millóns de euros, no marco do novo contrato de xestión asinado o ano pasado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/12/2023