A Xunta concedeu 75 avais por 1,4 M€ para apoiar a mozos galegos na compra da súa primeira vivenda

A medida, convocada por primeira vez este ano, facilita o acceso a unha hipoteca dun dos colectivos con máis dificultades á hora de acceder a un fogar en propiedade

O prazo para solicitar estes avais públicos rematou o pasado 30 de novembro polo que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten en tramitación outras 31 solicitudes
 

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2023

A Xunta de Galicia concedeu este ano 75 avais hipotecarios por un importe de 1,43 millóns de euros para apoiar a outros tantos mozos galegos no proceso de compra da súa primeira vivenda.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convocou por primeira vez o pasado mes de abril este novo programa de incentivos co obxectivo de facilitar o acceso dos menores de 36 anos ao seu primeiro fogar a través da concesión de avais hipotecarios que cubran, como máximo, o 20% do prezo de adquisición do inmoble.

Neste sentido, cómpre lembrar que os mozos en ocasións dispoñen de recursos suficientes para asumir o pago mensual da súa hipoteca, pero carecen de aforros para poder dar unha entrada. Grazas a estes avais públicos, que ademais son compatibles con todas as axudas que xestiona e convoca anualmente a Xunta co mesmo fin, poden optar a unha hipoteca de ata o 100% do importe de compra.

Unha vez pechado xa o prazo para a presentación das solicitudes, concretamente o pasado 30 de novembro, o organismo autonómico resolveu e concedeu, ata o momento, un total de 75 avais e está a tramitar outras 31 solicitudes, polo que previsiblemente a cifra final de beneficiarios roldará o centenar. Ademais, o próximo ano, o IGVS volverá apostar polos avais públicos para mozos, polo que haberá unha segunda convocatoria.

Requisitos e condicións

En canto aos requisitos para poder acceder, a vivenda adquirida terá que destinarse a residencia habitual e permanente do comprador polo menos durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido, este perderá a súa vixencia.

Será condición imprescindible que a hipoteca para a que se solicita o aval supoña entre o 80% e o 100% do importe de adquisición do inmoble. Así mesmo, as contías que abone o beneficiario deberán destinarse exclusivamente ao pagamento da débeda hipotecaria.

Ademais, o prezo de compra a pagar non poderá superar as seguintes contías: 240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en municipios de tamaño medio e carácter periurbano; e 130.000 euros no resto da Comunidade.

Deste xeito e tendo en conta que o aval non pode exceder o 20% do prezo de compra da vivenda, a contía máxima garantida pola Xunta será de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros para o segundo e de 26.000 euros para o terceiro.

En canto aos requisitos dos beneficiarios, estes deberán acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 euros e 46.200 euros. Se a compra do inmoble corre por conta de máis dunha persoa, o límite conxunto elevarase ata os 54.600 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/12/2023